Colaboracións e patrocinios

Remata a 33 edición da Semana de Cine Submarino. O Consello Social colabora coa iniciativa

2025-11-24T10:42:10+00:0021 de Novembro de 2025|Colaboracións e patrocinios, Novas|
Imaxe da curtametraxe musical Raja Ampat. The last paradise

A Semana de Cine Submarino da UVigo celebrou a súa 33 edición entre o 18 e o 20 de novembro achegando ao público o mundo mariño a través de curtas e longametraxes, con entrada gratuíta, proxectadas no auditorio do teatro Afundación en Vigo.

Despois de cada filme realizouse un coloquio con persoal investigador, documentalistas e divulgadores mariños, permitido ás e aos espectadores descubrir as profundidades mariñas de Galicia, Indonesia ou Costa Rica; os tesouros arqueolóxicos que agochan os fondos baleares ou as peculiaridades dunha especie que habita nas augas da illas Cíes e que recibe o nome de ‘o rei’. A directora do Instituto Español de Oceanografía e exalumna da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, Rosa Figueroa; o director do Ciclo internacional de cine submarino de San Sebastián, David Sánchez e a bióloga costarricense Beatriz Naranjo, foron os convidados aos coloquios que se desenvolveron cada día despois das proxeccións audiovisuais.

O futuro, “o zume de Gaia”

Na presentación da Semana, o seu codirector e catedrático da UVigo, Jesús Souza, destacou a calidade dos traballos que se visionarían, así como a valía profesional dos protagonistas dos coloquios, ao tempo que incidiu na importancia de, a través de iniciativas como esta, traballar na preservación dos océanos. “Os océanos son o zume de Gaia e cómpre coidar o planeta”, dixo Souza, que lembrou que os recursos se deben protexer “para que as próximas xeracións poidan gozalos como nós o fixemos”. A tamén codirectora, a catedrática e decana da Facultade de Ciencias do Mar, Elsa Vázquez, incidiu na importancia de “sementar nas novas xeracións o amor á natureza” a través, neste caso de proxeccións audiovisuais, ao tempo que destacou o éxito de público da pasada edición, na que participaron máis de 1200 persoas.

Pola súa banda, Cristina Iglesias, coordinadora adxunta de sedes de Afundación, confirmou que nesta edición serán 1050 os escolares de 1º, 2º  5º de primaria de 22 colexios de Vigo e comarca os que asistan ás proxeccións matinais. “Esta é unha iniciativa que encaixa perfectamente nas nosas liñas de actuación posto que ofrecemos programación para escolares; sensiblizamos sobre o coidado do planeta e colaboramos coa UVigo”, detallou Iglesias.

Unha ducia de proxeccións

O gaián, tamén chamado rei, é protagonista da proxección O rei do arrecife das illas Cíes

A 33ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo comezou o martes 18 de novembro coa proxección da curtametraxe O océano non é noso de Xaime Beiro e Lara González, para continuar con tres vídeos do Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima (IBEAM): Frágil, preservando o invisible; Profundidades de Ibiza e El pecio de Ses Fontanelles. As proxeccións remataron co traballo do produtor e director Mario Cuesta El futuro del océano, unha peza do Instituto Español de Oceanografía que afonda no momento crítico que atravesan os océanos, derivado da sobrepesca ou a contaminación. A convidada no coloquio foi a directora do Instituto Español de Oceanografía do CSIC, Rosa Figueroa, nacida en Vigo e investigadora no campo da ecoloxía e a fisioloxía das microalgas mariñas, especializada en algas nocivas e biotoxinas.

A segunda xornada centraouse en vídeos e documentais premiados no Ciclo Internacional de Cine Submarino de Donostia-San Sebastián 2024 (Cimasub): Red Alert On Corals que explora o papel fundamental dos arrecifes de coral na biodiversidade mariña e na vida humana; a curtametraxe musical Raja Ampat. The last paradise de David Galván, onde se descobren as augas cristalinas de Indonesia ou o documental Nika, el calderón tropical, que amosa a explotación a que está sometida Tenerife e a nefasta xestión que se realizou nas última décadas. O convidado no coloquio foi David Sánchez Carretero, director do Cimasub, ademais de mergullador e realizador de curtametraxes submarinas.

O xoves 20 de novembro finalizou a Semana coa proxección de varias curtametraxes: Kallailoi, o mar das meigas de Jorge Martínez,  Un Xavi de Xaime Beiro e Lara González en homenaxe a Xavi Safont e Wild Life-Migrations co que Jorge Candán gañou o Campionato de España de Vídeo Submarino 2024. Tamén se puido asistir a O País das augas profundas do Schmidt Ocean Institute, Alex Ingle e Costa Rica Descoñecida, que explora por vez primeira o mar profundo do país de América Central no que se agochan montañas submarinas, xardíns de corais e especies sorprendentes. O rei do arrecife das illas Cíes de José Irisarri protagonizado polo gaián (Labrus mixtus), e que tamén recibe o nome de “rei”, pechou as proxeccións da Semana de Cine que tiveron como derradeira convidada a Beatriz Naranjo Elizondo, bióloga costarricense, que lidera Costa Rica Desconocida, iniciativa que busca visibilizar o patrimonio mariño profundo do país.