A transferencia de coñecemento das universidades á sociedade foi o tema central das Xornadas da Conferencia de Consejos Sociales das universidades españolas que se celebraron os días 27 e 28 de novembro en València, encontro ao que asistiron polo Consello Social da UVigo, o presidente, Ernesto Pedrosa, e o secretario, Ignacio Rodríguez. Os eixos do programa son a Ciberseguridad, os modelos de transferencia e o emprendemento.
Baixo a lema “CCS, impulsando a transferencia de coñecemento”, responsables universitarios, expertos e representantes institucionais analizan como reforzar a colaboración entre universidade, empresa e administracións públicas.
A inauguración celebrouse no Paraninfo de La Nau, estivo presidida polas autoridades académicas, locais e autonómicas. A reitora da Universitat de València, María Vicenta Mestre lembrou a través dun vídeo o papel chave dos consellos sociais como “vía de conexión necesaria para trasladar o potencial das nosas universidades á sociedade”. No mesmo sentido, o reitor da Universitat Politécnica de València, José Esteban Capela, que tamén participou a través dun vídeo, defendeu que a transferencia de coñecemento debe ser unha misión fundamental das universidades públicas. “É inconcibible unha universidade que non aposte por ela”, sinalou.
Tamén, o presidente da Conferencia de Consejos Sociales, Antonio Abril Abadín, insistiu en que a transferencia segue sendo “unha materia pendente da sociedade e da economía española” e alertou sobre os datos que a sitúan por baixo da media europea. “Se as universidades son os grandes centros de investigación, pero non os socios preferentes dun tecido produtivo pouco innovador, temos un problema”. Aínda así, mostrouse optimista: “Contamos con talento e centros de excelencia; necesitamos articular ferramentas áxiles e marcos normativos claros”, afirmou.