Actos do presidente

San Tomé 2026 celebra o talento, o esforzo e o compromiso do estudantado da UVigo

2026-01-30T11:30:15+00:0030 de Xaneiro de 2026|Actos do presidente, Novas|

O acto de San Tomé, o patrón da universidade, encheu o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués, onde se celebrou o talento, o esforzo e o compromiso compartido. Nos discursos gabouse a excelencia do alumnado e os logros acadados pola institución académica ao longo da súa historia. Tamén se reivindicou o carácter público dunha institución que está a o servizo da sociedade.

Unha nutrida representación da comunidade universitaria citouse  no evento. Alén do Reitor e do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, autoridades políticas como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente ou a concelleira do Concello de Vigo, Ana Mejías. O Coro Sénior do campus de Vigo encargouse de intepretar ademais do Gaudeamus Igitur,  Canção do mar de Federico de Brito e Ferrer Trinidade, harmonizado por Ramiro Lopes e Canticorum jubilo de G.F. Häendel.

Desde a mesa presidencial do acto, composta por Adela Sánchez, Ernesto Pedrosa, Manuel Reigosa, Belén Rubio e Natalia Caparrini, o reitor pediu ao estudantado que fose embaixador da institución e manifestou o orgullo por todo o que se fixo ao longo da historia da UVigo. Ademais  manifestou o seu convencemento no futuro da institución.

O maior numero de premiados da historia da UVigo

Pedrosa facendo entrega dunha das distincións

Dos máis de 200 premios, a maior cifra da historia da UVigo, outorgados neste San Tomé, 19 correspóndense con premios extraordinarios de doutoramento (13 mulleres e seis homes); 53 con premios extraordinarios de grao (31 mozas e 22 mozos); 140 son premios á excelencia académica aos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso neste curso 2025/2026, 105 de grao e 35 de máster, e seis son Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao, mestrado e teses.

19 Premios extraordinarios de doutoramento

Atendendo aos ámbitos de coñecemento, tres dos premios son para estudantes de programas de doutoramento do eido das artes e humanidades (Martín Vázquez Fernández, Sara Tabuyo Santaclara e Andrea Davila Rubio); sete corresponden ao eido científico (Milena Álvarez Viñas, Luis Gimeno Sotelo, Uxía Calviño Barreiro, María del Carmen Costas Ferreira, Jessica Calo Rodríguez, Uxía Gómez Bouzo e Immacolata Maietta); catro do ámbito da enxeñaría (Antía Fernández Sanromán, Martín Damián Medina Sánchez, Juan José López Escobar e Alex Alonso Díaz) e outros cinco ao xurídico-social (Paula Martínez Molares, Iria González Romero, Nazaret Blanco Pardo, Alexo Breogán Rioboó Lois e Leire Pérez Pérez).

53 Premios extraordinarios de grao

Nos 53 Premios extraordinarios de grao, elas tamén foron maioría -31 mulleres e 22 homes-. No campus de Vigo estes galardóns recaeron en 23 persoas (10 mulleres e 13 homes): no de Ourense as persoas premiadas foron 13 (nove mulleres e catro homes) e, en Pontevedra, foron nove as e os premiados (seis mulleres e tres homes). A maiores, tamén se concederon oito Premios extraordinarios de grao do curso 2024/2025 a egresadas e egresados dos centros adscritos á UVigo -seis mulleres e dous homes-.

140 Premios de excelencia e 8 Premios Egeria

En canto aos Premios á excelencia académica, dotadas con 1000 euros para cada unha das persoas premiadas, recoñecéronse 105 estudantes de grao -73 mozas e 32 mozos- e 35 de mestrado -24 mozas e 11 mozos-.

No caso dos Premios Egeria 2025, recolleron galardón seis estudantes: Clara Sánchez Vázquez, Mª del Carmen Costas Ferreira e Nazaret Blanco Pardo, gañadoras na categoría de teses; Sara Nieto Fernández, na de Traballo Fin de Mestrado, e Ángel Manuel Vieites Rúa e Carla Nava Prol, en Traballos Fin de Grao.


UVigoTV preparou unha gravación do acto de celebración do día da universidade