Actos do presidente

Altos niveis de emprego, salarios competitivos e satisfacción das persoas egresadas en 35 anos da UVigo

2026-02-10T17:28:00+00:0010 de Febreiro de 2026|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

O Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo presentou o martes 10 de febreiro, no edificio Redeiras, o estudo Informe sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre 1990 e 2024, traballo desenvolvido ao longo de 2025, no que se recolle a situación da empregabilidade das 35 promocións de persoas tituladas en toda a historia da UVigo, que suman un total de 119.229 egresadas e egresados, que cursaron na Universidade ciclos extinguidos (licenciaturas, enxeñarías, diplomaturas e enxeñarías técnicas), graos, mestrados e programas de doutoramento.

O obxectivo deste estudo é analizar a empregabilidade das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre os anos 1990 e 2024 e comparalo co contexto profesional, empresarial, social e territorial a nivel galego, español e europeo. Este informe é pioneiro e único no Sistema Universitario Galego (SUG) e contou coa colaboración do Consello Social. O presidente do mesmo, Ernesto Pedrosa, tamén estivo presente no acto.

O traballo, que foi presentado polos seus autores, –o director do Observatorio e exreitor da UVigo, Luis Espada mais o analista de  datos Víctor Manuel Martínez Cacharrón– bosquexa como conclusións unhas taxas de ocupación que superan a media da poboación galega, española e comunitaria; desemprego e taxas de inactividade inferiores ás medias correspondentes da poboación do lugar de residencia; eventualidade laboral ou temporalidade menor que a taxa galega e española, mais maior que a media da UE e incidencia da sobrecualificación inferior á media española e comunitaria.

Na presentación, Luis Espada lembrou que este é o estudo número 22 dos elaborados pola entidade que dirixe, que xestiona unha base de case 26.000 persoas tituladas pola UVigo. “Esta é unha valiosa ferramenta para a excelencia”, asegurou Espada, que tamén aproveitou a presentación para lembrar que o vindeiro mes de outubro se cumprirán 50 anos da creación da Escola de Enxeñaría Industrial, que segue a ser “o buque insignia do SUG, co maior número de docentes e alumnado de Galicia”.

Detalles do estudo

Luis Espada e Víctor Martínez Cacharrón

Representatividade da mostra

O analista de datos do Observatorio, Víctor Manuel Martínez Cacharrón, foi o encargado de detallar os pormenores do estudo. Así, sinalou que foi realizado a partir dunha mostra de 3149 persoas egresadas, un valor representativo e suficiente para a poboación avaliada, pois dá un erro mostral de 1,1723%. “Unha mostra paritaria cun 59,6% de mulleres e un 40,4% de homes, na que a orixe galega predomina cun 96,2%, seguida pola doutras comunidades autónomas (2,7%) e estranxeira de 12 países (1,1%)”, explicou Martínez Cacharrón, mentres que en relación coa residencia actual o 78,4% faino en Galicia, o 13% noutras comunidades autónomas e o 8,6% en 39 países como Alemaña (15,5%), Reino Unido (13,7%) e Portugal (10,7%).

Respecto ao perfil académico, case a metade das e dos titulados da UVigo (46,6%) pertencen á rama xurídico-social, seguida da tecnolóxica (26,3%), científica (10,9%), artes e humanidades (10,3%) e ciencias da saúde (6%). Os ciclos longos son os maioritarios (33,5%), seguidos dos graos (28%), ciclos curtos (22,5%), mestrados (10,1%) e doutoramentos (5,8%). O estudo identificou 244 titulacións principais: 82 mestrados, 72 programas de doutoramento, 43 graos, 22 licenciaturas, 16 diplomaturas, cinco enxeñarías técnicas e catro superiores.

Altas taxas de ocupación

A 1 de xaneiro de 2025 a taxa de ocupación das e dos egresados da UVigo se situaba no 91,9%, sendo lixeiramente maior en homes (94,4% contra 90,2% das mulleres). En canto á taxa de inactividade acadaba a principios do ano pasado o 4,3% (5,2% en mulleres contra 2,9%); continuaba os estudos un 3,1% (2,3% concilia con emprego), priorizando mestrados e doutoramentos (44,9% ambos) e estudos de grao (8,2%) e prepara oposicións o 5,3% (3,3% conciliación traballo). En canto ao tempo medio para atopar emprego este sitúase en 9,60 meses (o 31,2% que xa traballaba ao graduarse).

Características do emprego

A maioría (74,7%) traballa en Galicia, o 15,3% noutras comunidades autónomas e o 10% no estranxeiro (42 países), con maior emigración masculina (29,6% contra 22,4%). A taxa de emprendemento sitúase no 7,5% (8,3% homes contra 7,0% mulleres), a de salarización no 92,5% e a de temporalidade no 14,8% (12,4% homes contra 16,5% mulleres). Por rama de actividade, o sector privado ocupa a máis a metade das e dos egresados (57,9%), seguido polo público (36,9%) e as entidades non lucrativas (5,2%). O ensino co 20,2% é o sector económico maioritario, con máis mulleres (23,7% contra 15,1%), seguido por servizos da administración pública (8,5%), sanidade (8,1%), investigación (4,9%), servizos sociais (4,3%), automoción e telecomunicacións/IT (4,2% ambos). En canto á categoría profesional, o 92,6% exerce funcións de nivel universitario (97% homes contra 93% mulleres) e o 35,5% ten responsabilidade sobre outras persoas (41% homes contra 31,7% mulleres).

No que se refire aos ingresos mensuais netos percibidos sitúanse en 2.388,34€, mais con fenda de xénero (2768,60€ homes contra 2073,43€ mulleres). A maioría (53,2%) supera os 2000€, o 4,9% inferiores a 1000€ e o 6,5% superiores a 4000€. Por outra banda, case o 80% das e dos egresados realiza funcións específicas da súa titulación principal, sen diferenzas de xénero, mentres que a sobrecualificación afecta ao 19% (21,4% mulleres contra 15,6% homes).

Alta satisfación co emprego

Nunha escala do 1 ao 5, a satisfacción co emprego actual acada o 4,10, cun 78,2% bastante ou moi satisfeita co seu emprego actual. Así mesmo, 65,3% está satisfeita cos estudos da titulación principal realizados e o 60,7% valora a capacitación profesional achegada polos estudos da titulación principal cun 3,66 nunha escala do 1 ao 5.

Os autores considera que “a mostra, representativa e equilibrada, revela un panorama positivo: altos niveis de emprego, satisfacción xeral e vantaxes competitivas fronte ás medias galega, española e europea”. Conclúen tamén que a retención de talento local amosa unha emigración selectiva, impulsada por oportunidades laborais. “Os indicadores de inserción laboral calculados reforzan o valor da UVigo na empregabilidade dos seus antigos estudantes, así como unha inserción laboral robusta, con salarios competitivos e alta satisfacción”, sinalan.

Non obstante, recoñecen a existencia de desigualdades de xénero (na taxa de ocupación, desemprego, taxa de temporalidade, responsabilidade sobre outras persoas, ingresos netos mensuais) e desafíos como a sobrecualificación.

A información completa, o estudo e o resumo executivo pode descargarse desde a web do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo

Ir á web do Observatorio