O Consello Reitor do Campus Auga, no que está representado o Consello Social, valorou positivamente o balance de actividades de 2025

2026-02-11T16:48:14+00:0011 de Febreiro de 2026|Novas|

O mércores 11 de febreiro celebrouse unha sesión do Consello Reitor do Campus Auga na que se fixo balance das actividades desenvolvidas ao longo de 2025 con cargo aos fondos achegados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para esta anualidade, concluíndo que os resultados resultan altamente positivos.

O órgano de goberno está composto polo reitor da UVigo, por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, por José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, por Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, polo representante do Consello Social da Universidade de Vigo (Ramón Blanco, do Grupo Valtalia) e, finalmente, por un representante do sector empresarial que neste caso correspondeu a Santiago Taunton (do Grupo Coren).

Máis dun 100% de cumprimento

No balance realizado indícase que o grao de cumprimento da planificación prevista para 2025 superou o 100%, sendo o orzamento executado dun millón de euros. Na sesión fíxose un repaso polas actuacións levadas a cabo en gobernanza, docencia, investigación e transferencia. En gobernanza, destacouse a constitución de dous  órganos consultivos, a creación do novo Plan Estratéxico do Campus Auga e a implementación dun Sistema de Xestión da Calidade. En docencia apuntouse a posta en marcha dos dobres graos de Enxeñaría Agraria con Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e con Ciencias Ambientais e o mestrado en Economía Circular, ademais de potenciar unha oferta formativa propia con iniciativas como o título propio de Experto en Auga, Termalismo e Saúde. Neste punto tamén se citaron aspectos como a convocatoria de diferentes bolsas e as accións para dar a coñecer esta oferta académica, coa participación de 1800 estudantes preuniversitarios nas cinco xornadas “Coñece o Campus” celebradas en 2025, as visitas a centros educativos, unha trintena, e a participación en feiras.

En investigación, sinalouse a consolidación da estrutura de persoal técnico e investigador do Campus Auga, a convocatoria de axudas para estadías, as visitas de persoal investigador, e a adquisición de equipamento e a convocatoria de axudas INOU e INOU+, entre outros aspectos. Por último, en transferencia e innovación enumeráronse accións como a formación en emprendemento a través do programa VentureLab, o programa de “Pulo á valorización e transferencia do coñecemento do Campus Auga”; a celebración do I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (AQUAXI) e a VII Edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica Campus Auga.