O rugby femenino está a crecer e a desafiar múltiples estereotipos que o relacionan con características tradicionalmente vinculadas aos homes como a forza, a agresividade e a competitividade. Exemplo claro de que estes clixés nada teñen que ver coa realidade é o Vigo Rugby Club Feminino, un equipo que naceu na tempada 1992/1993, ao abeiro da había pouco tempo creada Universidade de Vigo e baixo o paraugas do Vigo Rugby Club. Van máis de tres décadas de historia nas que non deixaron de superar obstáculos , converténdose no equipo máis lonxevo de toda Galicia, o que conta coa escola con maior número de fichas femininas, cun primeiro equipo con 29 xogadoras, o maior número da súa historia. Por todos estes motivos, e moitos máis, a Universidade de Vigo entregoulles o Premio Uviguala 2026, o galardón co que a institución recoñece cada 8M o compromiso das persoas vinculadas á institución coa igualdade de xénero. [Foto de familia das xogadoras que asistiron ao acto coa presidenta do club, na imaxe superior].

O presidente do Consello, Ernesto Pedrosa, en primeira fila do evento
A entrega do premio celebrouse na sala 1 do edificio Miralles, coincidindo co acto institucional de celebración do 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres, nunha gala presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e na que as grandes protagonistas foron, nesta ocasión, Berta Álvarez González, presidenta do club, primeira muller en exercer o cargo, e Carmen María Mariño Martínez, historia viva do equipo, que falou en nome das xogadoras. Elas foron as encargadas de dar voz a todas as mulleres que, dun ou outro xeito, loitaron por manter o equipo “cando ninguén cría nelas, cando se dicía que o rugby feminino non era rugby nin era feminino”, tal como salientou Mariño na súa intervención. O evento contou tamén coa asistencia do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.
Na clausura, o reitor amosouse convencido de que a Universidade debe ser faro “que alumee o camiño para toda a sociedade” e, nesa liña, que todas as actividades de igualdade que se están a levar a cabo a nivel universitario “sexan exemplo non só de portas para dentro, senón tamén de portas para fóra”, para o que agradeceu a apoio constante do Consello Social e do seu presidente.
Xeracións en simbiose, lema do 8M na UVigo
Xeracións en simbiose: unidas polos nosos dereitos é segundo a responsable de Igualdade “un convite a mirar o feminismo cunha lente distinta: a da cooperación como motor de cambio”. Coa referencia da bióloga Lynn Margulis, primeira doutora honoris causa da UVigo, que explicou a evolución como un proceso no que os organismos non só compiten, senón que sobre todo se fortalecen ao vivir en simbiose, “queremos reivindicar a potencia política e vital que xorde cando distintas xeracións de mulleres se encontran, dialogan e crean xuntas. É nesa simbiose, onde se consolidan os avances, se comparten saberes e se abren camiños para seguir defendendo e ampliando os nosos dereitos”, subliñou a responsable da unidade, quen tamén lembrou o diálogo que propón Begoña Caamaño, xornalista e escritora feminista, nacida en Vigo e recoñecida coas Letras Galegas 2026, na súa obra de Circe ou o pracer do azul, “onde nos amosa que o encontro entre mulleres é sempre unha experiencia transformadora”.
UVigoTV preparou unha reportaxe do evento: