Ángela Santianes foi elixida nova presidenta da Conferencia de Consejos Sociales das Universidades Españolas, converténdose na primeira muller en presidir a organización que representa os órganos de participación social das universidades españolas.
A elección produciuse durante nunha asemblea xeral da CCSU celebrada en Madrid o 12 de marzo, nunha das sedes da Universidad Nacional de Educación a Distancia, onde tamén se designou o novo Comité Executivo da entidade do que pasa a formar parte Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.
A nova presidenta, que desde 2024 preside o Consello Social da Universidade de Oviedo, asumirá o liderado da organización nunha etapa que pretende reforzar o papel destes órganos como ponte entre a universidade e a sociedade.
Nova etapa para a Conferencia
O novo Comité Executivo –arriba na imaxe– mantén unha ampla continuidade respecto ao equipo anterior, reflectindo a estabilidade institucional da organización. A principal novidade é a incorporación de Ernesto Pedrosa como novo vocal. Así mesmo, Montserrat Guàrdia Güell, presidenta do Consell Social de la Universitat Politècnica de Catalunya, pasa a ocupar unha das vicepresidencias da Conferencia, cargo que o último ano permaneceu vacante. O resto dos membros do Comité Executivo continúan formando parte do órgano, o que garante a continuidade do traballo desenvolvido nos últimos anos pola CCS, manténdose tamén Miguel Ángel Acosta como secretario xeral da Conferencia.
A elección de Santianes, Pedrosa e o novo comité executivo marca tamén o peche do mandato do galego Antonio Abril Abadín, presidente do Consello da UdC, que deixa a presidencia tras oito anos á fronte da Conferencia, o máximo período previsto nos estatutos.
Durante a súa etapa, Abril impulsou o fortalecemento institucional da CCS e promoveu diversas iniciativas destinadas a consolidar o papel dos Consellos Sociais como espazos de diálogo entre a universidade e a sociedade.