A Universidade de Vigo alzouse coa vitoria na competición de barcos dragón “IV Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra”, despois de que as embarcacións do estudantado do campus se impuxesen ao alumnado da Escola Naval Militar (ENM). A regata, organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e polo centro da Armada, disputouse en tres mangas. A competición arrancou co triunfo das alumnas do campus na manga feminina, seguida pola do equipo masculino. Isto dáballe a vitoria global á UVigo, completada co triunfo na rolda final, na que os equipos masculinos e femininos competiron conxuntamente en embarcacións de 22 tripulantes.
O evento contou co apoio do Consello Social da UVigo e a colaboración da “Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra”, da asociación Dragon Boat Galicia e do Gremio de Mareantes. A regata desenvolveuse nun campo de 500 metros con dúas ceavogas, con saída e meta no embarcadoiro das Corvaceiras.
O trofeo retorna ao campus

As e os estudantes do campus, co trofeo. [Fotos: Escola Naval Militar]
A proba arrancou coa manga feminina, que comprendía un percorrido de 1000 metros con barcos integrados por dez piragüistas, unha persoa ao temón e unha tripulante marcando o ritmo cun tambor. Nesta primeira proba, impúxose a embarcación integrada por alumnas das facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte e da Escola Universitaria de Enfermaría.
Con ese mesmo percorrido e tamén con barcos dragón de doce tripulantes, na manga masculina a UVigo estivo representada por unha embarcación da que formaban parte alumnos das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación, Fisioterapia e da EE Forestal. Novamente, a tripulación da UVigo logrou a vitoria, como fixo tamén a tripulación mixta que tomou parte na última manga. Neste caso, tratouse dunha proba levada a cabo con barcos dragón de 22 tripulantes, que debían completar dúas voltas ao campo de regatas, percorrendo unha distancia de dous kilómetros.
A vitoria do estudantado do campus supuxo o retorno dun trofeo que desde o ano pasado mantiña a Escola Naval Militar, vencedora da terceira edición, levada a cabo con embarcacións de remo de nove metros e disputada en Marín.