Máis de 450 estudantes de ensino medio de toda Galicia participaron o venres 17 de abril na 9ª edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial, unha cita consolidada coa que se busca que mozas e mozos, “perdan o medo á tecnoloxía e se divirtan con ela”, tal e como destacou o ex-director da escola, Juan Pardo Froján, un dos dos principais impulsores desta iniciativa, que se amosou moi satisfeito da acollida que ten a competición nos institutos. “A resposta volveu ser moi boa, polo que, pola nosa banda, seguiremos potenciando esta actividade”, subliñou, convencido que se trata dunha “excelente maneira” de que se familiaricen coa tecnoloxía e de fomentar neles a creatividade e a imaxinación en clave tecnolóxica.
Desde a celebración da primeira edición en abril de 2015, cada ano, sempre coincidindo nun venres, a escola organiza unha nova edición da particular competición. Nesta ocasión chegaron desde Allariz, A Guarda, A Estrada, Mos, Valga, Salceda de Caselas, Rois, Vigo… 292 rapaces e 159 rapazas divididos en 92 equipos, sendo 4º da ESO o curso que achegou máis participantes -248 estudantes divididos en 48 equipos-, seguido de 1º de bacharelato -106 estudantes en 22 equipos-.
Competindo en dúas categorías
“Be Robot” son probas para alumnado de ESO e Bacharelato nas que cada robot debía participar na “Sigue-liña marchoso“, con obstáculos e un lombo na que o robot ten que ser quen de seguir un camiño marcado no chan do circuíto por unha fita adhesiva, e no “varrendeiro-cebra”, no que dentro dun recinto circular se dispoñen 4 latas de refresco repartidas de xeito aleatorio e tamén diferentes tiras brancas a modo de paso de cebra. “O robot debe sacar do recinto todas as latas no menor tempo posible permanecendo o robot sempre no interior e sen pasar por encima das liñas do paso de peóns”, explican desde a organización.
Na categoría “DemoRobot”, para estudantes de FP e universidade, a competición comprendía catro probas, tres individuais e unha colectiva: “Rastrexo” (individual) que consiste en seguir un camiño marcado no chan; “Labirinto” (individual), sobre un recinto rectangular de aproximadamente 1,50×1,50 metros; “Tripla penalti” con illa (individual) dirixido a sacar todos os obstáculos do recinto entre os paus que lle correspondan e “Sumo” (colectiva), na que o robot debe intentar sacar o seu opoñente do campo de xogo e evitar que o saquen a el.
Primeira edición do reto “Compyrobot”
Nesta edición contouse co desenvolvemento en paralelo do primeiro reto “Compyrobot”, en colaboración coa empresa Binarial no que participaron estudantes e docentes dunha decena de centros que tomaron parte na pasada edición e que entre os meses de outubro de 2025 e febreiro de 2026 tiveron que mapear unha ruta de cando menos 20 metros, dentro das instalacións dos seus centros e percorrela do xeito máis eficiente co robot móbil Compy, de Binarial, que deberon programar para acadar o mellor resultado
O Consello leva anos colaborando con esta iniciativa.
Máis información na web da Escola de Enxeñaría Industrial