A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrará os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia. A cita leva por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Na súa organización participa tamén Ágora Termal, foro de debate e divulgación científica sobre o termalismo con sede no campus de Ourense.
O congreso inscríbese no marco de estudo e investigación do Campus Auga e ten como principal obxectivo “ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais”. Colaboran na iniciativa, ademais da Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
A cita foi presentada o xoves 26 de marzo por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; José Luis Legido, presidente de Ágora Termal, e Francisco Reyes, co-presidente do congreso. Nas súas intervencións destacaron a importancia do sector termal na cidade e provincia de Ourense, o traballo do Campus Auga e o propiado da celebración deste congreso internacional. Así, o vicerreitor indicou que o evento “representa unha gran plataforma para visibilizar o moito que o Campus Auga transfire ao sector”. O congreso, dixo, “é un claro exemplo do que podemos acadar cando traballamos de maneira conxunta. Grazas á colaboración entre administracións públicas, entidades e empresas do sector, conseguimos crear un espazo de encontro para compartir coñecemento e avances arredor da balneoterapia e do termalismo”.
Liderar, acompañar e fortalecer o sector
Jesús Vázquez sinalou que o congreso “non é un evento máis; é, en realidade, unha expresión clara do compromiso da nosa facultade co territorio, co coñecemento e co futuro”. Nun ano especialmente significativo para o centro, dixo, “no que celebramos o noso 40 aniversario, non podería haber mellor forma de conmemorar esta traxectoria que impulsando un encontro internacional arredor dun dos sectores máis estratéxicos para a nosa contorna: a balneoterapia”. O responsable académico explicou que “Ourense é, sen dúbida, a provincia termal por excelencia de España, e a nosa cidade, a capital termal de Galicia. Esta realidade non só nos define, senón que nos interpela. Obríganos a asumir unha responsabilidade: liderar, acompañar e fortalecer un sector que xera riqueza, emprego e identidade”.
O decano detallou que o congreso contará “coa participación de persoas de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, que achegarán experiencias, coñecementos e perspectivas que, sen dúbida, enriquecerán o debate e abrirán novas oportunidades”. Así, amosou o seu desexo de que “este encontro sexa un punto de inflexión, un espazo no que a innovación, a sostibilidade e a excelencia na xestión da balneoterapia sexan os piares fundamentais. Un foro no que se tracen liñas de colaboración duradeiras e no que se reforce o posicionamento do noso territorio como referente internacional”.
Pola súa banda, José Luis Legido puxo en valor a participación nesta iniciativa de membros de Ágora Termal que tamén forman parte do profesorado da Universidade de Vigo e amosou a súa confianza en que a cita “sexa un éxito e que dea valor engadido ao termalismo en Ourense”. Este desexo foi compartido por Francisco Reyes, quen destacou “a simbiose” entre a facultade e o foro organizador e o feito de que no congreso abordarase a necesidade de que a balnoterapia teña o seu oco na carteira de servizos do servizo nacional de saúde.