Todo preparado para as V Xornadas de Fundraising e Mecenado que se celebrarán o 9 e 10 de maio

2019-03-18T11:44:36+00:0015 de Marzo de 2019|Novas|

As V Xornadas de Fundraising e Mecenado pretenden ser un punto de diálogo e discusión sobre a captación de fondos no contexto universitario e noutros escenarios para o que están convocados recoñecidos expertos que actuarán de relatores. Tamén se desenvolverán diversos talleres. A inscrición, que é gratuíta, pode efectuarse ata o día 2 de maio enviando un correo electrónico dirixido á Secretaría do Consello Social da Universidade de Vigo: secoso@uvigo.es.

O lema das xornadas, Doar á universidade en 9 experiencias: axudas legais, axudas fiscais, axudas de comunicación expresa o concepto que vertebra o evento: a filantropía no ámbito universitario necesita dun debate no que se analice o exercicio de doar. Os organizadores, o Consello Social da UVigo, veñen potenciando o estudo dos motivos que empuxan á doazón, así como as distintas formas de facelo, desde tempo até diñeiro, desde o crowfunding até o mecenado, entendido como captación de diferentes clases de recursos, que teñen como misión axudar, promover e soster unha educación superior de calidade ou incentivando o I+D+i en sectores estratéxicos que permitan avances claros da sociedade.

Nesta edición analizaranse as axudas legais, fiscais e de comunicación, así como a organización dos departamentos de fundraising e mecenado das universidades, tanto públicas como privadas, en España. Estudaranse diferentes maneiras de enfocar casos específicos de fundraising e mecenado a cargo de diferentes especialistas con ampla experiencia no sector.

A organización das V Xornadas conta coa colaboración da Conferencia de Consejos Sociales

Obxectivos:

  • Os observatorios de egresados como fórmulas para seguir mantendo interese nos exalumnos e posibilitar o mecenado.
  • Modelos e maneiras de paliar os efectos da crise económica a través do mecenado.
  • Fórmulas para a captación de recursos privados para programas de investigación.
  • Interrelación entre a empresa e a universidade cara a potenciar liñas de mecenado máis aló das cátedras.
  • A visión da administración pública no mecenado privado.

Público ao que vai dirixido

  • Administrador/a xeral
  • Consello social
  • Creador/a de tendencias
  • Director/a de investigación
  • Director/a de mercadotecnia
  • Xerente/a Investidor/a.

Datas e horario

Xoves, (9 de maio) de 10,00 a 18,30 hs.
Venres (10 de maio) de 10,00 a 14.00 hs.

Lugar

Fundación Barrié
Policarpo Sanz, 31.
36202 Vigo.