“A crise económica que xurdiu a partir do 2007 supuxo un absoluto parón do financiamento universitario, xa que entre outras cousas, as administracións públicas conxelaron os orzamentos e perdeuse boa parte do diñeiro que chegaba das empresas, xa fora en forma de patrocinios ou de colaboracións de I+D+i” e, en paralelo a todo isto, “os cadros de persoal das universidades non baixaron, as titulacións universitarias seguiron a incrementarse froito da súa adaptación á realidade empresarial e social, e houbo unha baixada dos prezos públicos para os ensinos universitarios”. Con esta reflexión de Lalo Azcona, presidente do Consello Social da Universidade de Oviedo arrincaron na mañá do xoves 9 de maio, na sede da Fundación Barrié de Vigo, as V Xornadas de Mecenado.
O evento, organizado polo Consello Social da Universidade de Vigo coa colaboración da Conferencia de Consellos Sociais traerá ao longo de dous días á cidade olívica un destacado cadro de especialistas que, cada un desde a súa propia experiencia, afondarán nas diferentes formas de financiamento indirecto das que se poden beneficiar as institucións de ensino superior.
A carón de Azcona, que puxo o mundo anglosaxón como exemplo a seguir “pois alí teñen instalada unha cultura da xenerosidade que aquí non temos”, presidiu o acto de inauguración o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, que fixo fincapé en seguir avanzando nas diferentes cuestións ao redor do uso da filantropía no ámbito universitario, o obxectivo das xornadas, movéndose nos aspectos máis visibles do exercicio da doazón: axudas legais, axudas fiscais, axudas de comunicación… con especial atención para os estudantes da universidade “os actuais e os pasados, porque un é alumno da universidade para toda a vida” e, neste sentido, referiuse ao Observatorio de Egresados dá Universidade de Vigo e ao seu creador, Luís Espada, como exemplo a seguir no mundo do mecenado “desde dentro”. O ex-reitor foi que abriu academicamente as xornadas co primeiro relatorio
Múltiples experiencias de mecenado universitario
Na súa conferencia Espada lembrou como a Universidade de Vigo converteuse en 2018 na primeira de España en presentar un estudo sobre a situación laboral na que se atopan as e os egresadados saídos das súas aulas ao longo dos seus primeiros 25 anos de existencia. Baixo o título Estudo sobre a situación laboral das persoas tituladas pola Universidade de Vigo (1990-2015) ao longo de 720 paxinas, debúllase a situación profesional na que se atopan 10.748 persoas tituladas (58% mulleres e 42% homes) pola institución académica viguesa e que representan o 15% do total de 71.487 egresadas e egresados pola Universidade de Vigo no período 1990-2015. “A relación da Universidade con todos os seus alumnos e alumnas debe permanecer sempre”, subliñou Espada, quen advertiu que non se debe pasar por alto o papel que poden xogar no futuro todas estas persoas como posibles fonte de financiamento alternativo.
Tras o relatorio inaugural tivo lugar unha mesa redonda moderada polo coordinador das xornadas, Ciprián Rivas na que se abordou como principal temática as necesidades dos medios á hora de comunicar as cuestións relativas ao mecenado. Para abordar esta temática contouse coa participación do director de Atlántico Diario, Julio Rodríguez; o subdirector de Faro de Vigo, Jesús Portela, e o director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez.
As experiencias continuarán pola tarde coa participación, entre outros, de Juan Hernández Armenteros, codirector do informe La Universidade Española en Cifras, que afondará nos efectos da crise económica no financiamento das universidades públicas; do catedrático de Economía da Universidade de Vigo, Xabier Lavandeira, cuxa intervención se centrará na captación de recursos persoais para a investigación especializada en novas áreas de coñecemento; e do presidente da Asociación de Empresa Familiar en Galicia, Víctor Nogueira, que incidirá na disposición da empresa familiar cara ao mecenado.
Mañá venres as xornadas contarán coa participación, entre outros, do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Conferencia de Consellos Sociais de las universidades españolas, Antonio Abril, que será o encargado de clausuralas.