Colaboracións e patrocinios

O Consello Social colabora nas bolsas OurenseExterior que este ano ascenden a 24.500€

2020-09-28T12:33:26+00:007 de Xuño de 2019|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

As bolsas OurenseExterior son unhas axudas económicas para que cinco persoas residentes no estranxeiro realicen un mestrado no campus de Ourense. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 28 de xuño. A iniciativa é froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.

As bases da convocatoria recollen que as estadías proporcionarán aos beneficiarios e beneficiarias, “a oportunidade de achegarse á cultura dos seus antepasados e de coñecer en profundidade outro sistema universitario” ao mesmo tempo que se crea “unha ferramenta moi útil co fin de dar a coñecer no eido internacional a oferta educativa de calidade que na actualidade está a ofrecer o campus de Ourense”.

24.500€ de dotación para o curso 2019/2020

Poden participar na convocatoria OurenseExterior 2019/2020 o alumnado que estea residindo nun país estranxeiro e que teña os requisitos académicos necesarios para acceder á titulación de mestrado que pretende cursar. Queda excluído desta convocatoria o alumnado estranxeiro que acceda á Universidade de Vigo a través de calquera programa de mobilidade internacional.

A contía das bolsas inclúe para cada beneficiario ou beneficiaria o importe dos prezos públicos por servizos académicos correspondentes ao curso 2019/2020, unha axuda de gastos de viaxe de ata 600 € e unha axuda de gastos de estadía por 2.500 euros.

[Informacións recollidas dunha nova elaborada polo DUVI]