A Universidade de Vigo conta desde 1999 con Tribunal de Garantías. Neste tempo tramitou perto de 700 expedientes, o 70% relacionados co alumnado.
O actual presidente do Tribunal, o profesor Argimiro Rojo, lembrou –nunha celebración realizada o martes 25 de xuño en dependencias do Miralles– que nas dúas décadas pasadas, este órgano se converteu no “observatorio independente e imparcial” da vida universitaria. O acto preparouse como unha homenaxe a todas as persoas que formaron parte do Tribunal de Garantías ao longo destes anos, “e así poder expresar publicamente, e a través da entrega dun pequeno agasallo, un sentimento de gratitude e recoñecemento”, explicou Rojo.
En cumprimento dos novos Estatutos da Universidade, en datas próximas, a UVigo contará cun Valedor ou Valedora Universitaria á fronte, alguén que –como subliñou o actual reitor, Manuel Reigosa– “desde un punto de vista totalmente independente, sexa quen de tirar das orellas cando hai que facelo, e que permita tamén que todos os estamentos da Universidade de Vigo –alumnado, PDI e PAS- se vexan reflectidos nesta institución que é de todos e para todos”.
Traballo en redes internacionais
Nestes 20 anos, o Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo foi quen de integrarse e estar presente en organismos nacionais e internacionais como a Rede de Defensores Universitarios de Galicia; a Rede de Valedores/Provedores do Estudante da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; a Conferencia Estatal de Defensores Universitarios de España; a Red de Organismos Defensores de los Derechos Universitarios de México ; a European Network of Ombuds in Higher Education e a Red Iberoamericana de Defensorías Universitarias. “Consideramos que ao TG hai que recoñecerlle ese papel destacado na promoción e na creación de todas esas redes”, salientou Rojo, que aproveitou este intre para agradecer o apoio e complicidade dos seus colegas de Santiago e A Coruña, presentes tamen no acto.