O xoves 22 de xaneiro, nunha rolda de Prensa, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social e o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, anunciaron que se elaborará un catálogo cos servizos dirixidos a empresas, resultantes das liñas de traballo dos diversos grupos de investigación do Campus. Na presentación, tamén, se deu conta da creación do Premio Campus Crea, que ten por obxectivo recoñecer proxectos innovadores de carácter multidisciplinar realizados polo alumnado, ou a celebración, no mes de abril, da Semana da Creatividade e da Innovación.
A investigación, a cultura, a creatividade e innovación, e a educación ambiental, ao abeiro do programa internacional Green Campus, son as catro liñas nas que se sustenta este “plan de traballo conxunto”, como explicou o vicerreitor. Nese sentido, Pedrosa sinalou que este “marco de colaboración, que nos vai permitir actuar en áreas moi diversas”, responde aos “tres puntos fundamentais” que guían a actuación do Consello Social: “o apoio ao alumnado”, “a proxección da Universidade na sociedade” e a “cada vez máis necesaria conexión” da institución académica coas empresas. O presidente do Consello Social lembrou tamén que, ao igual que “atendemos todas as solicitudes que nos fan desde os tres campus”, este marco de colaboración co campus está aberto a novos proxectos e propostas.