Colaboracións e patrocinios

Coa colaboración do Consello, a asociación UVigo SpaceLab porá en órbita un novo nanosatélite

2021-05-12T10:57:12+00:0011 de Maio de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Unha vintena de estudantes de catro enxeñarías dos campus de Ourense e Vigo puxo en marcha a asociación estudantil intercentros UVigo SpaceLab, un equipo multidisciplinar dedicado ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais no eido da educación. Conscientes das grandes perspectivas de futuro deste sector e co apoio de investigadores e empresas, os membros de SpaceLab traballan desde hai meses nunha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.  Para desenvolver os seus traballos solicitaron a colaboración do Consello Social, que acolleu a iniciativa coa importancia que merece.

Levar vida ao espazo

Membros do SpaceLab traballando nunha das antenas do proxecto. Arriba, na fotografía principal: Isaac Salgueiro, responsable do departamento de estruturas, traballando no deseño do nanosatélite.

O proxecto BIXO xurdiu cando un membro de UVigo SpaceLab convenceu a todo o equipo para levar vida ao espazo. A seguir, contactaron co Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, que, “axudaron a desenvolver o concepto do experimento e chegar onde nos atopamos actualmente”.

BIXO ten a finalidade de “entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles”. Para cumprir este obxectivo, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat, un satélite de pequenas dimensións. A análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita e, grazas aos seus sensores, terá en consideración distintos parámetros do comportamento dos microorganismos, como o seu crecemento ou a posible comunicación intercelular bacteriana. O proxecto ten unha duración prevista de tres anos.

SpaceLab busca máis integrantes para a asociación

O equipo de UVigo SpaceLab está formado por estudantes das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática, pero queren ser máis. A asocicación vén de lanzar unha convocatoria aberta a todo o alumnado da Universidade ata o 27 de maio. As candidatas e candidatos deberán cubrir un formulario en liña, acudir a unha entrevista e, no caso de seren seleccionados, participar nunha formación extensa no eido dos pequenos satélites. O único requisito de inscrición é “ter ganas de participar nunha misión apaixonante”.