Colaboracións e patrocinios

O IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa gaña a IV Olimpíada Galega de Historia que contou coa colaboración do Consello Social

2021-06-02T09:44:03+00:0031 de Maio de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O equipo Empecinad@s do Alobre, do IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa, proclamouse este venres campión da IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. O segundo posto foi para Os Bonapartistas, do IES Santa Irene, de Vigo; o terceiro para Penta Alianza, do CPR Padres Escolapios, de A Coruña, e o cuarto para A Cuádruple Alianza dos Guerreiros de Cristo, do IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín. Nesta edición foron 29 os equipos formados por alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria os que participaron na competición organizada pola Facultade de Historia do campus de Ourense.

Premios

A final da olimpíada, na que participaron os catro equipos clasificados na fase virtual celebrada o pasado 21 de maio, tivo lugar este venres no Edificio de Ferro do campus. Primeiro enfrontáronse os equipos CPR Padres Escolapios e IES Castro Alobre, gañando este último. Na outra semifinal competiron o IES Ramón María Aller Ulloa e o IES Santa Irene, gañando tamén este último. Os dous gañadores disputaron a final competindo en sucesivas roldas de preguntas-respostas centradas nos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria.

Entregáronse premios aos catro equipos participantes nesta final, tanto aos seus membros como aos docente responsables de cada centro (que foron Marta Rivadulla, Mario Alba, Adrián Rodríguez e Jorge Cepeda), e un trofeo e libros ao instituto de pertenza. O agasallo variou en función do posto acadado pero consistiu no caso do alumnado en tabletas ou bonos para tendas de videoxogos de diferente contía e no caso do profesorado en bonos de fin de semana nun balneario ou entradas para termas.

Parabéns

As e os premiados recibiron os seus galardóns de mans de Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e José Ángel Sampayo, xefe do Gabinete da Presidencia da Deputación de Ourense, asistindo ao acto responsables doutros centros do campus de Ourense e da UVigo. Todos elas e eles coincidiron en trasladar os seus parabéns ao alumnado, profesorado e centros participantes polo esforzo realizado e ao equipo organizador polo traballo feito.

O Consello Social vén colaborando con esta inicitiva desde o seu comezo.

[Imaxe e informacións tiradas dunha nova do DUVI]