Os Premios UVigo-Humana, promovidos polo Consello Social e a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, chegan á terceira edición. Naceron en 2019 da necesidade de integrar o compromiso da UVigo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, visibilizando e apoiando o traballo desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais tanto galegas como internacionais e de fomentar o espírito solidario entre toda a comunidade universitaria.

Premiados na primeira edición: José María Vara, de Enxeñaría sen fronteiras e Antón Bouzas, de Os Ninguéns
Nas dúas primeiras edicións os galardóns foron para a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia e para o Foro socio-educativo Os Ninguéns, en 2019, e no 2020, o xurado apostou pola asociación Provivienda e polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O prazo de presentación remata o 15 de outubro
As propostas poden ser impulsadas por membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, institucións públicas, entidades educativas, culturais e sociais, ONGs ou persoas e institucións de recoñecido prestixio. Os únicos requisitos que deben cumprir estas propostas é que non sexan a título póstumo e que non se soliciten os premios para un mesmo.
Ver a convocatoria e o formulario de presentación na Secretaría da UVigo
A convocatoria resolverase no prazo dun mes tras pechar o prazo de inscrición. As persoas ou entidades galardoadas recibirán un diploma acreditativo e un agasallo institucional no transcurso dun acto público, que terá lugar na segunda quincena de novembro, pero os premios non contan cunha dotación en metálico.