O acto académico da festividade de San Tomé de Aquino celebrouse o venres 28 de xaneiro no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo. Nel estiveron presentes diversas autoridades académicas e sociais da Universidade. Na mesa presidencial do acto, ademais do reitor Manuel Reigosa, sentaron o presidente do Consello Social da UVigo –Ernesto Pedrosa–, a vicerrreitora de Investigación –Belén Rubio–, a de Comunicación e Relacións Institucionais –Mónica Valderrama– e a de de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria –Natalia Caparrini–. Durante case 40 minutos, o reitor fixo un percorrido polos retos e realidades da UVigo, deseñando as claves da UVigo para gañar o futuro
O evento volveu reunir o estudantado máis excelente da UVigo: máis dun cento de estudantes de doutoramento e grao que hoxe recibiron as medallas e insignias da Universidade que acreditan os seus logros académicos. Do total de 104 galardoadas e galardoados, 20 corresponden a Premios extraordinarios de doutoramento do curso 2019-2020; 30 a Premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020-2021; 49 a Premios extraordinarios de grao do curso 2020-2021 e 6 a Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e fin de mestrado do curso pasado.
Iria Estévez e Xoan Curiel encargáronse da interpretación dun repertorio musical, que ademais do Gaudeamus Igitur, incluíu cantigas dos trobadores Pero de Ver e Martin de Padrozelos.
Vídeo de UVigo TV