Colaboracións e patrocinios

Convocados os II Premios Crea, unha iniciativa que apoia o Consello Social

2022-03-28T10:40:57+00:0025 de Marzo de 2022|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Ata o 29 de abril ás 14.00 horas, poderán presentarse, na sede da Vicerreitoría do campus, as propostas para optar a uns galardóns nos que se outorgarán 3000 euros en premios, da man do Consello Social. Pode concorrer o estudantado da Universidade de Vigo no presente curso.

“Recoñecer diferentes facetas da actividade creativa e de innovación desenvolvida polo alumnado da Universidade de Vigo, na que participen estudantes de diferentes ámbitos de coñecemento” constitúe, como recolle a súa convocatoria, o obxectivo central dos segundos Premios CREA-Creatividade e Innovación. Promovidos pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, están dirixidos a fomentar o traballo interdisciplinar do estudantado, premiando a realización de obras que impliquen, cando menos, o traballo conxunto de dous estudantes de dous dos ámbitos dos proxecto de especialización do campus. Outorgaranse tres premios, cunha dotación económica de 1500, 1000 e 500 euros, respectivamente.

Como recolle a resolución reitoral pola que se convocan estes premios, as obras presentadas deben centrarse, cando menos, en dous dos seguintes ámbitos: medio ambiente e natureza; arte, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública e deporte, saúde e benestar. “Son uns premios que fomentan a cooperación entre estudantes de ámbitos diferentes, o que sempre é enriquecedor e positivo”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, que explica que se trata dun certame no que “a natureza das obras está totalmente aberta, co requisito de que a realicen estudantes de diferentes ámbitos e que iso quede reflectido na obra”.