A sesión, celebrada no salón do Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela, o día 22 de marzo, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto a quen tamén estiveron presentes os reitores da Coruña e Vigo, Julio Abalde Alonso e Manuel Reigosa Roger, respectivamente; e a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras autoridades.
Antonio López reiterou o seu “compromiso ilusionado coa Universidade”, coa vontade de seguir contribuíndo, dende o goberno da institución, a “formar cidadás e cidadáns críticos, cultos e libres”. O Reitor fondou nos retos de futuro logo de “catro anos marcados sen dúbida pola COVID-19” e nos que a institución “quixo, deliberadamente, facerse presente neste momento de crise para reivindicar o seu papel de formadora, pero tamén de xeradora dun coñecemento que, lonxe de esconderse nunha torre de marfil, acaba sendo motivo de esperanza para unha sociedade atribulada”.