Actos do presidente

O Consello Social súmase á dor pola desaparición de Manuel Ramos

2022-05-13T10:59:11+00:0012 de Maio de 2022|Actos do presidente, Novas|
[Reproducimos a nova do DUVI –publicada o 12 de maio– na que se dá conta desta cerimonia]

A praza Erasmo do campus vigúes encheuse este mediodía para homenaxear o docente, investigador e vicerreitor Manuel Ramos, falecido a pasada semana, de xeito repentino, na véspera da celebración das eleccións na UVigo. Decenas de compañeiros e compañeiras da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; da vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado e a súa áreas e servizos; o equipo de goberno en funcións; os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e membros da comunidade universitaria asistiron hoxe á homenaxe a Ramos, na que se volveu poñer de manifesto o respecto e cariño que lle profesaron as persoas que o coñeceron.

A súa viúva e os seus fillos foron este mediodía testemuña, a través das palabras de quen o tratou, da pegada que Ramos deixou na Universidade de Vigo, na que desde a súa chegada a principios da década de 1990 participou activamente en tarefas docentes, investigadoras, de xestión e sindicais, acadando co paso dos anos os postos de catedrático e vicerreitor. A música do docente Xosé Constenla, acompañado por Javier Constenla e Pilar Martínez e a palabra foron os protagonistas dunha “oportunidade para despedir a un amigo co que lle gustaba”, dixo a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, encargada de conducir o acto, no que os seus colegas e amigos e amigas Cristina Gallego, Alfonso Lago, María José Moure, Rebeca Díaz, José Pazos, Luis Anido, Betty León, José Santos, Yolanda Blanco e Cándido López gabaron a Manolo: o traballador infatigable, o amigo dos seus amigos, o enxeñeiro total, nobre, loitador pola igualdade e polo profesorado, humilde, xeneroso…

O ar que purifica toda a vida e o lóstrego, así era Manolo

Visiblemente emocionado, o reitor , Manuel Reigosa transformou o seu devezo, dixo, por ser poeta nunha intervención chea de lirismo na que expresou os seus sentimentos cara o amigo e compañeiro morto. “Se fora poeta podería falar de como o vento invisible moitas veces é capaz de empurrar as pólas das árbores e facer que treman todas as follas e que todo un bosque se mova desde a invisiblilidade, desde o convencemento. Se fora poeta podería falar dun día de verán, dun día perfecto, deses nos que sentes a gravidade da terra a forza do sol e que incluso tes que buscar abrigo, pero neses días de calor extraordinario, eses días perfectos, ti tamén notas que o ar sube puro ao ceo, sube puro, cada vez máis arriba, cada vez máis potente e purifica toda a vida. Así era Manolo”, dixo Reigosa.

“E tamén vos podería falar se fora poeta unha noite, dun día perfecto de verán, na cal un está escoitando a tormenta e aínda que o espera, que sabe o que vai haber, sorprende e incluso dóelle un lóstrego. Así era Manolo, un lóstrego que estivo nas nosas vidas e que nos vai deixar marcados para sempre na institución e a todas as persoas que estivemos con el”, lembrou o reitor.

Na súa intervención, Manuel Reigosa recoñeceu que chegara ao cargo de reitor impulsado por Ramos “que pensou que era unha boa voz para levar unha mensaxe á comunidade universitaria e á sociedade de que se poden facer as cousas con agarimo, que se pode ser coidadoso coas persoas, que se pode medrar e medrar desde humanidade, que se pode falar, negociar, acordar”, asegurou Reigosa, que dixo non ter palabras suficientes para explicar a enorme grandeza do seu amigo e compañeiro de goberno. “Podería subliñar a súa extraordinaria calidade humana, a súa calidez, o imprescindible que se fixo para todos, a súa capacidade de traballo… Quen o coñecese podería chamarme esaxerado, pero non porque Manolo era alguén moi especial”.

Reigosa rematou a súa intervención asegurando que aínda que non sexa nin poeta, nin orador, si é un home de palabra, “e vou facer o posible esa universidade que soñamos xuntos na que as persoas teñen o seu sitio, na que o talento pode agromar e dar froitos e na que hai dereitos e na que todos podemos traballar arreo e buscar unha universidade igualitaria, xusta e solidaria e fraterna. Eu espero que no futuro, se entre todas e todos conseguimos esa universidade, sexamos un fermento para a sociedade, porque Manolo loitaba porque a sociedade sexa así máis xusta, fraterna, igualitaria e feliz”, concluíu o reitor.

Demasiadas vivencias para que caiban nunha tarxeta

En nome das persoas que coñeceron e trataron a Manuel Ramos, un grupo de compañeiros do seu centro, do departamento, do grupo de investigación e da vicerreitoría á fronte da que exerceu, foron os encargados este mediodía de poñer voz aos seus sentimentos e vivencias co seu colega finado. Verbas emocionadas recollidas en tarxetas ás que deron lectura e que posteriormente foron recompiladas e entregadas a viúva de Ramos e aos seus fillos.

Luis Anido, director do Departamento de Enxeñaría Telemática, lembrou a súa etapa como bolseiro no Servizo de Telecomunicacións que Ramos creara e onde daquela xurdiu entre os recén chegados unha pregunta que do pasado, Anido trouxo este mediodía ao presente “que faría Manolo nesta situación?” Yolanda Blanco, profesora titular do mesmo departamento, gabou a brillantez , calidade humana, xenerosidade infinita e calma de Ramos, ao que definiu como un “solucionador de problemas, que non necesitaba estar en primeira fila. Boa viaxe, mestre!”, desexoulle Blanco.

A directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Rebeca Díaz, destacou o activo papel de Ramos na vida do centro desde a súa chegada e el, ao tempo que lle desexou moito ánimo á familia. Pola súa banda, Cristina Gallego, directora da Área de Profesorado, eloxiou a gran capacidade de reflexión do seu compañeiro de traballo, quen “podía dicir que non, pero logo de pensalo, non tiña problema en dicir que si”. Mentres, Alfonso Lago, designado polo reitor en función para asumir a Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións, lamentou “o profundo baleiro e o gran marrón” que lle deixa o seu compañeiro de traballo, pero tamén de afección ao fútbol. “A miña herdanza, a túa amizade, a miña sorte, coñecerte”, dixo Lago.

Betty León, catedrática xubilada de Física Aplicada, destacou a discreción e cordura do seu amigo, “que sempre estará nos nosos corazóns e nas nosas cabezas”. Cándido López, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática, referiuse á nobreza de Ramos, “un amigo”, ao que coñeceu nos albores da EET. María José Moure, directora da Escola Aberta de Formación Permanente, logo de asegurar que “o que compartimos non cabe nunha tarxeta”, gabou o traballo a prol da igualdade realizado polo vicerreitor; mentres que José Pazos, director do grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información (GSSI), falou de Ramos como “o enxeñeiro total”, totalmente afastado do ego e a altivez . Para rematar, José Santos, ex director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, lembrou o desexo de Manuel Ramos de, unha vez finalizados os seus estudos en Madrid, “ir a Teleco de Vigo”, así como a súa entrega á escola e a súa coherencia na defensa do profesorado.

Un recordo permanente na sala de xuntas do edificio Ernestina Otero

A homenaxe tributada hoxe a Manuel Ramos terá ademais unha manifestación permanente coa decisión adoptada polo equipo de goberno en funcións de darlle o nome do seu compañeiro á sala de xunta do edificio Ernestina Otero, que desde este xoves pasa a chamarse Sala Manolo Ramos.