Colaboracións e patrocinios

Xa se poden solicitar as bolsas Ourense rural, inciativa coa que colabora o Consello Social

2022-10-25T14:42:02+00:0025 de Outubro de 2022|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O Consello Social, a UVigo e a Deputación de Ourense, convocan unha vez máis, as bolsas Ourense Rural. O obxectivo é mitigar o gasto que supón a realización de estudos universitarios oficiais para o estudantado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes do campus de Ourense e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais. O importe máximo para esta convocatoria é de 26.000 euros.

As bolsas serán dun máximo por estudante de 200 euros (para desprazamentos de 5 a 10 km); de 400 euros (de máis de 10 km a 30 km); 800 euros (de máis de 30 km a 50 km) e de 1000 euros (de mais de 50 km). O requisito xeral para presentarse é estar inscrita ou inscrito no padrón dos concellos da provincia de Ourense, distintos do Concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Tamén se establecen diferentes requisitos económicos referidos á rendas dos membros da unidade familiar e do patrimonio familiar.

Polo que se refire aos requisitos académicos,  habería que ter matrícula feita en titulacións oficiais de grao ou mestrado en centros propios do campus de Ourense ou da Escola de Enfermaría de Ourense no curso 2022/2023 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65 por cento que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. O estudantado tamén debe non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda.

Esta axuda é complementaria e compatible coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación e Formación Profesional convocada por Resolución do 10 de marzo de 2022 (BOE do 12 de marzo de 2022). Pola contra, é incompatible con calquera outra axuda da mesma natureza e para a mesma finalidade.  A solicitude realizarase a través do formulario en liña dispoñible na web da Universidade de Vigo, estando o prazo de presentación de solicitudes aberto ata o 27 de outubro de 2022 ás 23.59 horas (hora peninsular española). A persoa beneficiaria deberá estar matriculada na titulación oficial do campus de Ourense durante todo o curso académico 2022/2023 para poder manter a súa condición de bolseira.

Toda a información e acceso ao formulario na Secretaría da UVigo:

info mais acceso ao formulario