Colaboracións e patrocinios

Coa colaboración do Consello Social, 10 equipos de diversas universidades participan no I Torneo de retórica UVigo

2022-11-25T14:08:32+00:0025 de Novembro de 2022|Colaboracións e patrocinios, Novas|
INÉS TÚÑEZ, IVÁN FERNÁNDEZ, SANTIAGO JANEIRO E TOMÁS APARICIO, INTEGRANTES DA ASOCIACIÓN RETÓRICA UVIGO

As universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Baleares, Jaén, CEU Barcelona e CUNEF, son os equipos participantes na primeira edición do torneo, que entre estudantes, xuíces e organizadores superará o centenar de persoas implicadas. É un torneo de debate, neste caso cun tema relevante e actual para o conxunto da sociedade: A transición á enerxía verde garantirá a autosuficiencia enerxética da UE? O certame ordénas en dúas ligas de cinco equipos, que, logo dunha fase eliminatoria de cuartos de final, celebrará semifinais e a final, a disputar entre dous equipos. Quen gañe levará 1500 euros e un pase para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España. O segundo equipo clasificado percibirá 500 euros e o mellor orador ou oradora do torneo será premiado cun dispositivo móbil.

Na presentación oficial do torneo, celebrada no edificio Redeiras, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregrabilidade da UVigo, agradeceu a implicación dos patrocinadores, en especial o Consello Social. Convidou tamén a toda a cidadanía “é aberto e é unha oportunidade de ver unha liga de debate en directo”, dixo Caparrini, que gabou o traballo das e dos organizadores, alumnado da UVigo que integra a Asociación de debate universitario Retórica. “Coa carga lectiva que tedes é difícil que fagades cousas e non obstante, ides polos centros formando ao alumnado que quere participar nesta iniciativa”, sinalou a vicerreitora.

A transición enerxética na UE, tema de debate

“O torneo ten o aval da LEDU e por iso terá gran repercusión”, dixo Santiago Janeiro, que lembrou que a Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo proclamouse o ano pasado subcampión desta competición e campión do torneo LEDU STEM.  Aínda que varios dos integrantes da asociación que acadaron este títulos non participarán no I Torneo nacional de debate Retórica UVigo, Janeiro destacou as capacidade e posibilidades de éxito do equipo da Universidade de Vigo, “estamos dando paso ás novas xeracións, que veñen pisando forte. Temos un equipo excepcional”, dixo. O coordinador do torneo animou ás e aos vigueses a acudir a presenciar o evento, que cualificou de “experiencia moi bonita de ver. A xente apaixónase ao ver discutir con argumentos “, asegurou Janeiro.