Teño a honra de achegar unha pequena reflexión a esta Memoria, un documento capital que sitúa os valores e a responsabilidade social da Universidade de Vigo en cotas máximas. A vida e o latexo da Universidade de Vigo está nas súas páxinas. A institución está a facer un traballo sobranceiro nesta dirección, respondendo ao que se espera dunha universidade, e o está a facer con determinación, como guiada a conciencia pola reflexión que fai Vargas Llosa en La llamada de la tribu, onde afirma que «no mundo da educación é onde máis inxusto é o privilexio».
Son benvidos todos os esforzos que se fagan para que a sociedade coñeza a utilización dos recursos públicos, e debemos esforzarnos tamén para que os entendan. Debemos acender as luces, todas as posibles, para ensinar o que hai e explicar o que se ve. Nada hai tan poderoso como unha idea á que lle chega o seu momento. Este é o caso da responsabilidade social ou rendición de contas, fondamente asociada á calidade democrática.
As Nacións Unidas, no seu Informe sobre o desenvolvemento humano de 2011, asume o desenvolvemento humano como «a expansión das capacidades das persoas para levar o tipo de vida que valoran e teñen razón para valorar». A definición evoca un escenario individual e colectivo en que o saber, a ciencia e a tecnoloxía resultan imprescindibles. E aí entra o papel da educación superior e das universidades, para o coñecemento, pero tamén para inxectar valores saudables para a convivencia, a igualdade, a solidariedade e a cooperación. Especialmente nestes tempos, nos que agromou máis ca nunca porque a pandemia puxo en primeira liña a ciencia e a investigación.
Na faísca de restricións que vivimos durante o ano 2021, a capacidade de reacción da Universidade de Vigo foi moi positiva. Garantiu o primeiro obxectivo prioritario: a seguridade. Cumpriu coa súa razón de existencia, apostando por que o ensino non se resentise, sabendo responder a todas as esixencias e demandas que os novos sistemas de aprendizaxe permiten e requiren. Mostrou a súa potencia de resposta e preparación ante todas as medidas que foron necesarias e non deixou de amosarse e abrir as fiestras, ata situarse hoxe na vangarda da transparencia entre as universidades españolas.
E este é o mellor camiño para acadar a confianza nas institucións de relevancia pública como é a Universidade de Vigo, con accións de transparencia e información. Porque a transparencia permite a toda a cidadanía coñecer e supervisar o uso de recursos públicos e estimular as administracións a que funcionen de modo máis eficiente.
A universidade ten que render contas coa sociedade, tanto interna como externamente e a Memoria de Responsabilidade Social é un formato de rendición de contas xeralmente admitido. A presente memoria segue os estándares internacionais establecidos polo Global Reporting Initiative como se detalla no apartado 3.1 de alcance e cobertura.
Sendo o Consello Social ó órgano de participación da sociedade na universidade, a presente memoria é un elemento máis para facilitar esta interrelación.
Grazas ás achegas da Unidade de Análises e Programas, da Dirección de Responsabilidade Social e Cooperación e do resto de unidades puidemos redactar a presente memoria que permite que o Consello Social poida abrir as portas da universidade desde dentro cara a sociedade.
Ernesto Pedrosa Silva Presidente do Consello Social