Representantes dos consellos sociais de universidades españolas reuníronse en Pamplona durante dous días, convidados polo Consejo Social da Universidad Pública de Navarra (UPNA), para participar nunhas xornadas denominadas “Diálogos sobre el futuro, talento y desarrollo: el Consejo Social y la apertura de la Universidad al entorno”. O encontro, que deu comezo o martes 25 de outubro, clausurándose o mércores 26, serviu para coñecer tendencias e compartir boas prácticas ao redor de como os consellos sociais poden intensificar a contribución das universidades ao desenvolvemento dos seus territorios. Entre os 35 relatores participantes, destacaron Joan Subirats Humet, ministro de Universidades, Antonio Abril Abadín, presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas y Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.
A apertura das xornadas correu a cargo de Ramón Gonzalo, reitor da UPNA; Javier Vidorreta Salillas, presidente do Consejo Social da institución navarra; Juan Cruz Cigudosa García, consejero de Universidad, Innovación y Transformación Digital del Goberno de Navarra; e Antonio Abril.
Dos graos duais ás spin-offs
O programa incluía seis mesas redondas temáticas que analizaron asuntos como: os graos e másteres duais, a comunicación e as relacións institucionais (na que participou Ernesto Pedrosa), a conexión da universidade coa educación básica e a Formación Profesional, a creación de cátedras de empresa e institucionais, a adaptación da oferta formativa ás necesidades da contorna, e a transferencia de tecnoloxía ás empresas e o impulso de spin-offs.
Participaron neste encontro unhas 150 persoas: por unha banda, os representantes dos consellos sociais; e por outro, profesionais da contorna da Universidade que colaboran en diversas iniciativas deste centro.