Actos do presidente

Coa colaboración do Consello Social entréganse os galardóns Alumni-UVigo 2023

Verónica Codesido, Patricia García, Óscar Penín, María Calvo e María Carrera. Os cinco estudaron na Universidade de Vigo e os cinco son desde o venres 7 de xullo Premios Alumni-UVigo, galardóns que recoñecen un labor persoal e profesional que destaca pola súa valía e por ser exemplo de bo facer. Os seus nomes déronse a coñecer na gala celebrada no edificio Redeiras e que se converteu nunha gran festa coa que a institución académica viguesa quixo incentivar a relación co seu antigo alumnado e reforzar o sentimento de pertenza á institución, contribuíndo activamente ao desenvolvemento e proxección social das súas egresadas e egresados. Durante o acto, entregáronse ademais os premios Alumni-UVigo Honorífico, á catedrática África González, e Alumni-UVigo Distinguido, ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñecementos ao mérito de dúas persoas especialmente implicadas con esta institución e cuxo traballo contribúe aos intereses e valores propios da Universidade de Vigo.

Nunha gala conducida pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Susana Rodríguez Barcia, a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini explicou brevemente o porqué destes premios e da comunidade Alumni-UVigo, integrada na actualidade por máis de 1600 persoas. Explicou tamén a composición do xurado que foi o encargado de elixir os 15 finalistas -tres por cada categoría-, de entre as máis dun cento de candidaturas recibidas, e que logo foi a propia comunidade Alumni-UVigo, con seus votos, a que elixiu ao premiado ou premiada de cada unha das categorías.

Os galardóns

Premio ao Emprendemento para Verónica Codesido, pioneira no  uso cannabis medicinal, premio que recolleu o seu pai Juan José Codesido. Encargouse de entregarlle o galardón Iván Suárez, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Vigo.

Premio á Traxectoria Profesional para Patricia García, primeira presidenta do Círculo de Empresarios. Entregou o galardón a xornalista Ana Fuentes, directora de Comunicación no Consorcio Zona Franca de Vigo e impulsora da rede de mulleres profesionais Sumamos.

Premio Alumni-UVigo Humanidades para o investigador Óscar Penín. Entregou o premio do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

Alumni-UVigo Impacto Social para a divulgadora científica María Calvo. Recolleu o galardón de mans de Roberto Campo, director xerente da Asociación Down Vigo.

Alumni-UVigo Investigación para a científica Mónica Carrera. Entregoulle o premio o catedrático da Universidade de Vigo Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

Premios honoríficos

Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social entregou o recoñecemento Alumni-UVigo Honorífica á catedrática África González e o reitor fixo o propio co Alumni-UVigo Distinguido Abel Caballero, catedrático xubilado da UVigo e alcalde da cidade de Vigo. Ambos fixeron unha breve intervención na que agradeceron os seus galardóns.

A continuación, na praza do Berbés celebrouse un evento lúdico que, grazas ao apoio de patrocinadores da comunidade Alumni –como por exemplo, o Consello Social–, incluíu o reparto de petiscos na Alumni-UVigo Food Truck. Foi un encontro concibido para que os antigos estudantes puideran atoparse con quen foron os seus docentes, compañeiros e compañeiras, e enriquecer así a súa rede de contactos, tanto persoais como profesionais.

 

[Actualización vídeo do evento]

5 de setembro de 2023. UVigoTV distribue a serie: “II Premios Alumni UVigo 2023”. Abaixo, vídeo da entrega do “Recoñecemento Alumni-Uvigo Honorífico” por parte do presidente do Consello Social:

Premendo neste botón poden verse todos os vídeos do acto

Ir aos vídeos