O estudantado de novo ingreso poderá participar nas Xornadas de benvida os vindeiros días 5, 6 e 7 de setembro, que se celebrarán nos campus de Pontevedra, Ourense e Vigo respectivamente, cun formato é similar ao de anos pasados, mais este 2023 tamén estarán abertas ao novo alumnado mestrado e doutoramento, que poderá recibir a información que precise a través das persoas do Servizo de Posgrao e do Campus Aberto da Escola Aberta de Formación Permanente.
O obxectivo desta iniciativa, na que colabora o Consello Social, é que o alumnado de novo ingreso coñeza desde o primeiro día todo o que ofrece a Universidade de Vigo: actividades, servizos, instalacións e outra información útil para incorporarse con éxito á vida universitaria, e con toda esa información poder ir accedendo ás distintas áreas, segundo intereses e necesidades.
As Xornadas de benvida comezan o martes 5 de setembro no campus de Pontevedra, na Escola de Enxeñaría Forestal, onde entre as 10.00 e as 14.00 horas o alumnado asistente poderá recibir información sobre cuestións como a tarxeta universitaria, transporte e aloxamento, voluntariado e asociacionismo, bolsas, mobilidade, biblioteca, cultura, deporte e igualdade. Pola súa banda, o estudantado internacional terá na Facultade de Ciencias da Educación, ás 10.00 horas, unha charla informativa, presentación dos cursos de idiomas e un test de nivel de español.
O día 6 as xornadas desenvolveranse no campus de Ourense, concretamente no pavillón universitario para o estudantado en xeral, mentres que o alumnado estranxeiro está citado na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
As Xornadas de benvida rematarán o xoves, día 7, no pavillón de deportes do campus de Vigo, mentres que o alumnado estranxeiro está citado no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O Consello Social edita as axendas que recibirá o novo estudantado.