A catedrática en Inmunoloxía da Universidade de Vigo e investigadora do CINBIO África González conta dende o xoves 19 de outubro coa medalla que a acredita como Membro de Honra Distinguido do Instituto Cultura, Ciencia e Tecnoloxía ano 2023 na área de divulgación científica (ámbito biomédico). A investigadora recibiu esta distinción nun acto celebrado en Afundación ao que asistiron arredor de 200 representantes do mundo académico, cultural e empresarial da cidade de Vigo. Coa entrega desta distinción ICCT quere recoñecer, non só a longa traxectoria investigadora da África González, senón tamén as súas importantes achegas á divulgación científica no eido da inmunoloxía, ofrendo información e puntos de vista de grande interese para a sociedade nos medios de comunicación nos momentos máis difíciles da covid-19.
Como explicou o presidente do ICCT, José Luis Vázquez, “neste 2023 consideramos importante, ao cumprirmos o XI aniversario do ICCT, designar un novo Membro de Honra, para o que tivemos en conta unha das nosas facetas como é a divulgación científica”. Vázquez explicou que a escola de África González susténtase no seu “extraordinario currículo” e por ter sido líder do grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, que durante a pandemia se apresurou por dar a coñecer á sociedade por distintos medios, fundamentalmente os de comunicación, o máis importante sobre o sistema inmunitario e as claves para defenderse dos virus”, un tema para a maioría “complexo e descoñecido”, recalcaou. “Logrou que moitas persoas poidesen coñecer e fortalecer as súas defensas”.
Ao recoller a medalla, África González manifestou sentirse “moi feliz e orgullosa” de que o ICCT pensase nela para esta distinción, pero sobre todo polo feito de que sexa en relación ao seu traballo no eido da divulgación científica. “Facer boa divulgación científica é das cousas máis difíciles, pero ese esforzo por explicar de forma sinxela e rigorosa debería ser obrigatorio para todos os que nos dedicamos á investigación. A sociedade debe coñecer o que estamos facendo: intentar atopar solucións, para ir deseñando un mundo mellor”. Lembraba na súa intervención que durante moito tempo colaborou con colexios e institutos, pero a pandemia supuxo un punto de inflexión. “Era necesario explicar que estaba pasando, como nos defendemos fronte aos virus, como actúa o noso sistema inmunitario. Tamén que a solución viría dunha vacina, o que efectivamente ocorreu, grazas sobre todo aos doutores Karikó e Weissman, premios Nobel de Medicina 2023). Esta homenaxe quero dedicarlla a todos os científicos e científicas que fan posible o avance no coñecemento”.
Tras o seu discurso, González impartiu unha conferencia titulada Sistema inmunitario: coñece e mellora as túas defensas para todo o público asistente.
Ao evento, que contou coa colaboración do Consello Social asistíu Ernesto Pedrosa, presidente do mesmo.