Actos do presidente

Os Premios Consello Social UVigo Humana premian o labor da asociación galega Agareso e da iniciativa internacional I-M Defensoras

2023-12-29T08:18:15+00:0021 de Decembro de 2023|Actos do presidente, Novas, UV-Humana|

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso, e a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, I-M Defensoras, son as dúas entidades gañadoras da IV edición dos Premios Consello Social UVigo Humana, galardóns que sepuxeron en marcha en 2019 co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que sobresaen pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación.

As entidades gañadoras déronse a coñecer o xoves 21 de decembro. No acto estiveron preserntes estiveron presentes o reitor e a vicerreitoras de Benestar, Equidade e Diversidade, e a de Comunicación e Relacións Institucionais. “Os premios amosan a cara máis visible do movemento solidario no seu conxunto”, valorou o presidente do Consello Social, que se referiu ás entidades premiadas como “exemplos de valor, xenerosidade, sacrificio e altruísmo”. Aquí podes ler o discurso completo de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social.

Unha asociación galega que loita polo cambio social….

No caso da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso, o xurado valorou “o seu traballo no eido da comunicación para o cambio social, como ferramenta para promover sociedades pacíficas, inclusivas e máis xustas nun contexto global onde non deixan de aumentar a desinformación e os discursos de odio”, destacando tamén moi positivamente a traxectoria desta organización sen ánimo de lucro formada en 2008 e que desenvolve diferentes eixes de actuación, desde a organización de proxectos de comunicación para o desenvolvemento en países do sur ata a posta en marcha de obradoiros en institutos de ensino secundario co obxectivo de educar en valores e incrementar o pensamento crítico do alumnado, pasando pola colaboración activa coas tres universidades galegas.

Encargouse de recoller o premio Lorena Seijo, coordinadora técnica de Agareso, quen, ademais de agradecer o recoñecemento resaltou a importancia de “traballar desde Galicia para o resto do mundo” e de implicar neste labor a todos os niveis educativos.

… e unha internacional de mulleres defensoras dos Dereitos Humanos

Ernesto Pedrosa entrega o premio a I-M Defensoras

O premio do ámbito internacional recaeu nesta ocasión na Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, I-M Defensoras, unha entidade que loita “por facer máis visible o labor das Mulleres Defensoras de Dereitos en Mesoamérica, un dos lugares do mundo máis perigoso para o activismo a prol dos dereitos humanos”. A entidade leva traballando desde 2010 coa fin de dar resposta ao aumento da violencia en lugares como México, Guatemala, Honduras e no Salvador para o que conta cunha rede rexional de comunicación electrónica que vincula a defensoras dereitos humanos de 15 países. Este galardón foi entregado polo presidente do Consello Social.

Neste caso recolleu o agasallo José Luis Barreiro, representante da Coordinadora Galega de ONGD, entidade premiada no 2021 e colabores de IM-Defensoras. En nome da entidade premiada contouse coa participación en liña de Marusia López, codirectora da iniciativa, que recalcou que “sen estas mulleres valentes non habería esperanza de que un mundo mellor é posible”, pois elas, entre moitas outras tarefas, “son as encargadas de curar, coidar e facer florecer a vida en onde acostuma reinar a represión e o autoritarismo”.

Abaixo podemos ver un vídeo do acto gravado por UVigoTV: