Discursos do presidente

Palabras de Ernesto Pedrosa para o IV Premio Consello Social UVigo_Humana

2024-01-29T10:15:46+00:0021 de Decembro de 2023|Discursos do presidente, UV-Humana|

Normalmente os xurados empeñan os seus esforzos en buscar as razóns obxectivas que xustifican darlle un premio a alguén e poder así destacalo sobre os demais candidatos. Imaxino ao xurado destes premios Consello Social UVigo_Humana colapsado por non lle poder dar o voto por igual a todos as candidaturas.

Porque aínda que en principio podería parecer sinxelo recoñecer e recompensar méritos, non o debe ser tanto cando se trata de rexeitar valores.

Son os valores, a xenerosidade, o sacrificio, a coraxe e o altruísmo o que move a todos as candidaturas destes Premios. Insisto, a todos.

Por iso quero hoxe comezar por agradecer ao xurado a auto-cirurxía sensible –sen dúbida dolorosa– que se aplica en cada edición.  Como dixo un membro do xurado, só en premios como estes é posible que os mesmos argumentos vallan igual para unha candidatura ou para calquera de todas as súas rivais.

Neste caso os galardoados foron Agareso e a Iniciativa Mesoamericana de Mulleres defensoras de Dereitos. Posúen o mérito indubidable de acceder a este recoñecemento que -dada a enormidade do seu labor– failles un pouco de xustiza. Pero non é menos gratificante que se convertan na cara visible do movemento solidario no seu conxunto, o que procura, silenciosa e permanentemente, que vivamos en espazos máis humanos, máis habitables e nos que teñamos a oportunidade de ser mellores.

Aos representantes de Agareso e de IM-Defensoras de Dereitos dígolles que poucas veces o Consello Social que presido ten a oportunidade de estar tan preto da esencia das súas responsabilidades e a súa vocación.  Máis aló dos méritos que lles estimulen no día a día, dos logros e dos avances e das solucións que nos achegan -que hoxe se recoñecen publicamente– quero eu tamén recoñecer a grandeza por instruírnos en actitudes e ánimos, a vocación por fecundar futuros e confianza en territorios xeográficos e persoais moitas veces abatidos por infinitas tristezas.

E tamén lles recoñezo a perseveranza en confiar e aprendernos que desde a cooperación e o voluntariado é posible construír esperanzas onde ninguén máis as sementa. Pero crecen e este acto é proba de que así é.

Recoñézoo e agradézollelo a vostedes e a quen como vostedes crea conciencia, engarzan pequenos milagres e tecen con fío invisible contornas cálidas para soidades frías.

Onde case todos veriamos un deserto infranqueable e ameazante, vostedes prefiren ver un espazo, sabedores de que se pode cruzar.  Posúen esa potencia de pensamento positivo. Comprendo que doutro xeito non poderían facer o que fan. E comprendo que esa é outra aprendizaxe na que a todos nos faría ben transitar.

Querido Reitor, querida Maribel, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, grazas por pór a UVigo no camiño polo que pasan os afectos e os valores. Ten sentido. Porque se o que se aprende nas aulas é importante, aprender en contornas virtuosas e sensibles dótanos de certezas e fortalezas, que oxalá teñan a suficiente intensidade como para pensar que será posible empezar algún día a vivir o resto das nosas vidas de forma que estes premios acaben por ser innecesarios.

En resumo. Vostedes nos reconfortan. Pídolles que non deixen de facelo, aínda que ás veces poidan percibir que  están máis sós do que en xustiza deberían estar. Pero neses momentos de fatiga pensen que somos nós os que debemos mellorar, que vostedes xa fixeron ese camiño.  E están no sitio correcto.

Parabéns tamén a quen reciben hoxe os premios polos seus traballos de Fin de Grao e Fin de Máster. Polo seu esforzo, polo seu aproveitamento e polas expectativas que xeran. Representades un modelo e uns logros do que tamén nós sentímonos orgullosos.

Remato: que estes premios se entreguen conxuntamente, é un poderoso sinal de que nesta Universidade o coñecemento e a dignidade van da man e balizan o camiño.

Imos ben.

A universidade convértese nunha potencia ética da vida.

Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.