Colaboracións e patrocinios

Nun acto organizado polo Consello Social, Francisco Michavila presenta na UVigo Pasión por la educación

2024-03-18T17:38:05+00:0018 de Xaneiro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Pasión por la educación. Poucas veces o título dun libro resume con tanta precisión a vida do seu autor, neste caso Francisco Michavila, catedrático de Matemática Aplicada da Universidad Politécnica de Madrid, reitor honorario da Universitat Jaume I e testemuña de excepción da evolución que experimentou nos últimos decenios a educación universitaria en España. A obra presentouse o mércores 17 de xaneiro no edificio Redeiras nun acto organizado polo Consello Social e no que se deron cita numerosos profesionais e autoridades do mundo da educación: o presidente do Consello –Ernesto Pedrosa–, o reitor da UVigo  –Manuel Reigosa– e a tenente de alcalde do Concello de Vigo e ex-ministra –Elena Espinosa–.

Xuntos converteron esta presentación nun foro de diálogo sobre o pasado, o presente e o futuro das universidades españolas. Todos falaron da importancia que ten a educación para o avance da sociedade e de como a Universidade “ten que ser faro”, no sentido de guiar á sociedade buscando solucións e transmitíndoas á sociedade, unha reflexión na que coincidiu o presidente do Consello Social que lembrou, “unha vez máis”, que “a Universidade está ao servizo da sociedade”. Ciencia, educación e Europa foron algunhas das palabras máis repetidas, así como numerosos eloxios ao autor dun libro que chega “amparado por miles de horas de traballo xeneroso”, recalcou Ernesto Pedrosa, que agradeceu a presenza no acto, entre outros, do ex-reitor, Luis Espada; a concelleira de Educación, Olga Alonso, ou as vicerreitoras Natalia Caparrini, Belén Rubio e Susana Reboreda.

O autor, Francisco Michavila, o presidente do Consello, Ernesto Pedrosa e ao Alcalde de Vigo, Abel Caballero, no seu despacho

O alcalde Vigo non puido asistir á presentación por motivos de axenda, pero recibiu ao autor e ao presidente do Consello a primeira hora da mañá na sede da Alcaldía.

A obra, publicada pola editorial Tecnos, do grupo Anaya, é o testemuño persoal de catro décadas de historia da educación superior e da política universitaria en España e Europa. A modo de relato novelado, Michavila percorre a súa xuventude e madurez, dedicadas ao que cualifica o oficio máis fermoso que existe: a docencia. Nese percorrido aborda o futuro das universidades a través das políticas universitarias que definen non só a súa organización e funcionamento, tamén a relación entre docentes e estudantes, a docencia, a ciencia ou a relación coa contorna e os territorios.

Experiencias persoais mesturadas con diálogos con recoñecidas personalidades

A través de diferentes capítulos, o libro aborda a educación superior desde as súas raíces e fundamentos recentes ata as cuestións principais que definirán o seu futuro próximo: os tipos de universidades, a formación do profesorado ou o estímulo da creatividade dos estudantes.

O fío condutor do relato son as súas experiencias persoais, combinando estes feitos reais, descritos con precisión, con  numerosos diálogos con recoñecidas personalidades do mundo da educación, o pensamento e a política cos que ten compartido vivencias, entre eles, Alfredo Pérez Rubalcaba, Esperanza Aguirre, Gregorio Peces Barba, o ministro francés de Educación, Claude Allégre ou o Premio Nobel Aaron Klug.

Dispoñible nos principais centros comerciais e portais de venda por Internet, así como na Casa do Libro, entre outras librarías, Pasión por la educación é, tal e como se recalcou durante a presentación, unha lectura imprescindible para profesionais da educación, docentes e estudantes, xestores universitarios, responsables de política universitaria, así como calquera outra persoa interesada na educación universitaria en España.

 

Polo seu interese, achegamos as palabras do presidente do Consello Social na presentación deste libro

Ler a presentación