Colaboracións e patrocinios

A nova edición do HackForGood -da Cátedra Telefónica– conta coa colaboración do Consello Social

2024-02-26T12:28:30+00:0026 de Febreiro de 2024|Colaboracións e patrocinios|

Cun convite a imaxinar un mundo máis sostible, o campus de Vigo acollerá entre o 14 e o 16 de marzo unha nova edición do HackForGood, un encontro de estudantes de todas as disciplinas que queiran converterse en hackers bos. Esta cita, consolidada como o maior hackathón con fins sociais que se celebra en España, está organizada pola Rede de Cátedras Telefónica e celebrarase simultaneamente en 16 cidades coa participación de 25 universidades de todo o Estado.

A finalidade é que, divididos por equipos, alumnas e alumnas de calquera titulación traballen xuntos durante 48 hora na procura de solucións innovadoras a retos sociais relacionados coas necesidades das persoas e facendo fincapé en un ou varios Obxectivos de Desenvolvendo Sostible, ODS. Poden participar neste evento as e os estudantes matriculados en calquera grao ou mestrado impartido na UVigo, como universidade membro da Rede de Cátedras Telefónica. O que se busca é que estes alumnos e alumnas se convertan en hackers ‘ForGood’, que como explican dende a organización son “persoas novas, entusiastas, positivas, con ideas e iniciativa ante o reto de resolver aqueles problemas que aínda ninguén foi quen de resolver, e facelo a través de solucións innovadoras”. A idea é que traballen en equipos e de xeito multidisciplinar, unindo coñecementos de diferentes ramas e coa axuda de mentores e voluntarios de Telefónica. O reto ao que terán que dar unha resposta poderán elixilo entre unha lista de propostas que se poderá consultar na web do evento. Unha vez arranque o hackathón, disporán de 48 horas para desenvolver unha proposta innovadora que deberán presentar ante o xurado e o resto de equipos participantes.

O evento terá lugar, igual que na pasada edición, no Teatro Vidal Bolaño do campus, e arrancará o xoves 14 pola tarde, para continuar o venres ao longo de todo o día e concluír o sábado pola tarde coa presentación dos traballos e entrega de premios. A data límite para a inscrición é o propio 14 de marzo, día do arranque do hackathón.

O evento conta coa colaboración de Telefónica e mais do Consello Social.