Un nutrido grupo de xefas e xefes de servizo de responsables do eido económico da UVigo participaron o venres 29 nunha xornada formativa sobre prevención da fraude e dos conflitos de interese. A actividade, organizada polo Consello Social e a Xerencia, enmárcase dentro das esixencias do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) ás entidades que asumen a responsabilidade de executar os fondos. Deste xeito, aínda que actividade era aberta, estaba especialmente orientada ao persoal que traballa con expedientes dos fondos PRTR.
Como explican dende o Consello Social e a Xerencia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, ditouse unha normativa na que se inclúe a orientación detallada sobre medidas de prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e o conflito de intereses. Esta normativa establece que as entidades que asumen a responsabilidade de executar os fondos deben determinar as medidas de prevención e de detección de fraude, corrupción e conflito de intereses. No caso da UVigo, unha das medidas propostas é esta acción cuxo obxectivo era que todas as persoas participantes “adquirisen conciencia sobre a necesidade de loitar contra a fraude, a corrupción, os conflitos de intereses e o dobre financiamento, ademais de adquirir habilidades para identificar e responder aos presuntos casos nos que se materialicen os citados riscos e que haxa unha transferencia de coñecementos a través de compartir experiencias”.
Cumprimento normativo e ética
A xornada arrancou da man de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e de Yolanda Lesmes, xerenta da institución académica. Ambos fixeron fincapé na importancia deste tipo de actividades formativas e agradeceron a alta asistencia á xornada porque “necesitamos profesionais expertos e con formación específica para transmitir que hai unha altura corporativa, normas e valores e unha reputación que defender, sen esquecer que a ética é das persoas, non das organizacións”, como recalcaba Pedrosa. A xerenta tamén agradeceu a boa acollida da xornada, “respondestes a este chamamento de forma masiva e iso deixa ver a implicación que tedes co traballo e coas necesidades afondar nos coñecementos”.
O presidente do Consello Social, impulsor da actividade, lembrou que, segundo a LOSU, é competencia dos Consellos Sociais “velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica así como da directrices antifraude” e, fixo fincapé en que “a cultura da compliance (cumprimento normativo) nas universidade públicas precisa de incentivos” e, por iso, xurde a necesidade de planificar formacións periódicas coma esta. En concreto, a xornada estaba dirixida principalmente a responsables universitarios, xestores, persoal directivo e cadros técnicos, co obxectivo de que adquiran capacitación para identificar e responder ante os casos nos que se materialicen estes riscos, ademais de unificar criterios e compartir experiencias. “Temos que transmitir que a ética é a mellor ferramenta para comportarnos conforme a dereito. Evitar o delito, si, pero aspirando a algo máis”, subliñaba Pedrosa. Neste sentido, a xerenta engadía que a xornada representa “unha oportunidade de afondar en temas que nos preocupan a todos en relación co antifraude, sobre todo nestes momentos, pola xustificación dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, pero vai moito máis alá do que é a normativa e engarza co ben facer e coa ética”.
Un relatorio e un obradoiro
Tras a apertura arrancou a conferencia sobre o escenario normativo dos plans antifraude para entidades executoras de fondos PRTR e as áreas de risco e bandeiras vermellas na xestión económica universitaria. O encargado de impartila foi Antonio Arias, ex-síndico de contas do Principado de Asturias e membro do Consello Social da Universidade de Oviedo. Despois dunha pausa, as e os asistentes participaron nun obradoiro sobre casos prácticos de conflitos de interese coordinado por José Ramón Chaves, maxistrado especialista do contencioso-administrativo no TSJ de Asturias.
Pódese ler a interveción do presidente do Consello na apertura da Xornada