Colaboracións e patrocinios

UVigo SpaceLab, que conta coa colaboración do Consello, estrea unha estación terrea de altas prestacións

2024-04-06T12:23:07+00:006 de Abril de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

“Un salto abismal” din os estudantes membros de UVigo SpaceLab da súa nova estación terrea. Unhas instalacións situadas no edificio Filomena Dato que se converterán no “corazón do procesamento da sinal e futuro centro de control para a misión espacial BIXO”, algo no que levaban máis dun ano traballando para a súa completa posta a punto e que agora se converte en “pedra angular” para o futuro éxito da misión.

“Esta nova estación ten unha inmensa vantaxe respecto a todas as que houbo ata o de agora na Universidade e que se resume na súa altísima taxa de descarga de datos, grazas a que está dotada de banda S, fronte ás anteriores  que eran en banda UHF”. En que se concreta isto? Entre outros moitos, un exemplo: “se desde o satélite se saca unha foto e se quere descargar, coas antenas das que dispoñiamos ata o de agora tardariamos unha semana en poder facelo, en cambio coa antena da nova estación pode facerse en apenas un día”.

Unha “impresionante” capacidade de control remoto

A operadora Ainhoa Morales controlando as comunicacións desde a estación terrea

Un dos aspectos máis destacados é a “impresionante” capacidade da estación para ser monitoreada e controlada remotamente. Neste aspecto, os responsables de UVigo SpaceLab apuntan que mediante as cámaras de alta definición instaladas arredor da antena e noutros puntos estratéxicos, pódese dirixir e axustar a infraestrutura desde calquera parte do mundo. “Esta capacidade non só é crucial para operacións que requiren axustes precisos de maneira inmediata, senón que tamén demostra o alto grao de autonomía e flexibilidade que a tecnoloxía moderna achega ao seguimento dos satélites”.

Manexo de múltiples zonas horarias en tempo real

Pablo Fernández presentando o software de seguimento da misión e o control de múltiples zonas

Outro dos aspectos máis innovadores da estación fai referencia ao seu manexo de múltiples zonas horarias en tempo real, “o que resulta esencial para a coordinación con outras estacións terreas e operacións satelitais  a nivel global”. Esta capacidade asegura que a comunicación co satélite BIXO poida ser sincronizada con precisión, “independentemente da posición orbital do satélite ou a localización de colaboradores na terra”, un aspecto de elevada importancia dada a necesidade de coordinación requirida neste tipo de operacións espaciais.

O novo espazo albergará as bases de datos e software de control, ademais de servir como núcleo para a simulación electromagnética e estrutural. Esta capacidade de simulación resultará básica, segundo indicaron as alumnas e alumnos, para o deseño de antenas e para modelar estruturas dentro do ámbito espacial.