500 estudantes de toda Galicia, cunha estrutura de 100 equipos, puxeron a proba a súa capacidade creatividade e os seus coñecementos de programación na sétima edición da Competición de Robots que o venres 19 de abril acolleu a Escola de Enxeñaría Industrial. Este concurso tense convertido xa nunha da datas máis sinaladas de todo o curso neste centro, xa que o vestíbulo, corredores e zonas comúns atéiganse de mozos e mozas que se converterán, dentro duns anos, no futuro da universidade. E é que este é precisamente o obxectivo desta actividade, como explican dende a EEI, “achegar a Universidade ao alumnado de Secundaria e Bacharelato ademais de potenciar as titulacións da Escola de Enxeñería Industrial e promover o interese dos estudantes polas disciplinas STEM, máis concretamente nos estudos de Enxeñaría”.
A competición divídese en dúas categorías, BeRobot para alumnado de ESO e Bacharelato, e DeMO Robot, dirixida a estudantes de graos superiores, centros de formación profesional e outros interesados, xa que a participación estaba aberta a calquera persoa.
Ademais de crear vínculos co alumando preuniversitario e fomentar os estudos STEM, con esta competición tamén se promove a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, así como a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento habilitador ante os novos retos da industria do futuro. De feito, coa competición de hoxe culmina un traballo previo de montaxe, programación dos robots a partir dun kit básico que recibiu cada equipo previamente.
Novidades para unha competición máis atractiva
Nesta edición implementáronse algunhas novidades para facer máis atractiva a competición, como por exemplo, novos tapices con modificacións nos percorridos e obstáculos. En concreto, na categoría Demo Robot estreouse un circuíto cun trazado totalmente novo e un labirinto de maior complexidade, sendo ademais un labirinto modular capaz de presentar diferentes alternativas.
Ademais, as e os participantes tamén contaron cun kit mellorado, o mBot 2, un robot educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo mellorado con capacidades de conexión en rede, sensores integrados etc.
No referido á competición, na categoría B-Robot, os equipos tiveron que medirse en dúas probas, ‘Sigue a liña marchoso’, que consistiu en completar un circuíto con obstáculos e lombos no menor tempo posible, e ‘Velódromo Mareante’, que requiriu dar tres voltas tamén no menor tempo. Na categoría DeMO Robot, as e os participantes enfrontáronse a catros probas, unha de rastrexo, outra de labirinto, outra con obstáculos e unha final de sumo que consistía en sacar ao resto dos robots rivais do tapiz.
O Consello Social colaborou, como en anteriores edicións, coa iniciativa.
Abaixo podemos ver un vídeo resumo feito pola EEI…
… e outro por UVigoTV: