Vén de abrirse unha nova convocatoria de presentación de candidaturas para os Premios Alumni-UVigo, terceira edición dunha iniciativa para promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional daquelas persoas da comunidade Alumni que destaquen pola súa valía e polo seu bo facer.
Poden presentarse ata o 30 de maio, elixindo a categoría que mellor se adapte ao perfil: emprendemento, humanidades, impacto social, investigación e traxectoria profesional. A gala de entrega de premios será o 5 de xullo no edificio Redeiras. Nela os premiados e premiadas recibirá un galardón e un diploma acreditativo símbolo do recoñecemento á súa destacada traxectoria.
15 finalistas: tres por categoría
Para participar hai que estar rexistrado como membro da comunidade Alumni-UVigo e cada candidato ou candidata só se pode presentar a unha categoría. Xunto co formulario electrónico de inscrición, deberá achegar un currículo, un pequeno resumo –máximo 100 palabras– dos principais méritos alcanzados, así como calquera outra documentación que avale a candidatura (cartas de apoio de terceiros, hemeroteca, certificados de empresa…).
O xurado dos premios será o encargado de preseleccionar a tres finalistas por cada categoría, atendendo ás achegas e currículo presentado polas persoas candidatas, seleccionando aquelas propostas que contribúan de maneira máis substancial ao desenvolvemento da súa profesión con impacto a nivel rexional, nacional ou internacional.
A listaxe de finalistas darase a coñecer antes do 15 de xuño e, a partir desa data, abrirase un período de votación entre todas as persoas da comunidade Alumni-UVigo para elixir ao premiado ou premiada en cada unha das modalidades, nomes que non se darán a coñecer na gala final de entrega de premios.
O Consello Social, promotor de iniciativas precursoras da Comunidade Alumni –así como desta mesma– colabora nestes premios. Toda a información na páxina especial dos premios Alumni-UVigo na web do Consello: