Colaboracións e patrocinios

[Actualización vídeo] Nas Xornadas de Benvida, coas que colabora o Consello, achegáronse 2160 estudantes aos tres campus da UVigo

2024-09-13T09:42:02+00:009 de Setembro de 2024|Colaboracións e patrocinios|

As Xornadas de Benvida son unha actividade á que está convidado todo o alumnado, pero pensada, sobre todo, para achegarlle as mozas e mozos que este ano se incorporan ás aulas universitarias, información e asesoramento sobre os diferentes servizos que a institución académica pon á súa disposición, nun ambiente festivo no que non faltan a música, as actividades lúdicas e os agasallos.

Este ano foron 2160 as alumnas e alumnos que pasaron polas xornadas: 1060 no campus de Vigo, 560 no de Ourense e 540 no de Pontevedra, unhas cifras moi ben valoradas desde a institución académica viguesa pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen acudiu ás tres edicións da xornada, onde puido coñecer de primeira man as primeiras impresións destes novos estudantes.

Se ben a maior parte das escolas e facultades organizan os seus propios actos de benvida, normalmente máis centrados na parte académica, no caso destas xornadas trátase dun acto máis lúdico no que o alumnado se achega aos diferentes servizos que a UVigo pon á súa disposición e que lle poden ser de grande utilidade: desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, onde poden acceder a toda a oferta deportiva universitaria, ata a Unidade de Igualdade,  para asesoramento en cuestións de xénero. Ou, pasando polo Área de Normalización Lingüística, Emprego e Emprendemento, ao Centro de Linguas, a Biblioteca Universitaria ou o Consello de Estudantes, as delegacións de alumnado e as distintas asociacións postas en marcha polas alumnas e alumnos.

Como é habitual o Consello Social colaborou coas Xornadas de Benvida patrocinando a axenda, que pode verse na imaxe de arriba, entre outras achegas.

Ilusión no inicio dunha nova etapa

Este ano son 3836 as prazas de grao, e 1733 as de mestrado, de novo ingreso nos tres campus, a falta de pechar os últimos prazos á matrícula, sendo estas unhas cifras de ocupación moi positivas, como recoñeceu a vicerreitora Caparrini que engadiu que “aínda quedan os últimos chamamentos, pero practicamente todos os graos están pechados”.

O luns 9 de setembro a Universidade de Vigo dá comezo oficialmente ao curso 2024/2025. Co prazo de matrícula aínda aberto, faino con taxas de ocupación históricas superiores ao 100%.

Entre as novidades destaca un novo título, o Grao en Enxeñería da Automoción con mención dual, o primeiro deste tipo que se imparte en Galicia. O seu obxectivo é formar ao alumnado no campo profesional da enxeñaría industrial que se configura arredor do sector da automoción, contando para iso co respaldo de Stellantis, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga). Xa en mestrado, a UVigo incorpora dous novos títulos interuniversitarios, os de Biofabricación e Internet das Cousas-IoT.

Vídeo das Xornadas de Benvida 2024 elaborado por UVigoTV: