Colaboracións e patrocinios

O Consello Social colabora co programa eDestrezas, formación para a mellora das competencias dixitais

2024-09-16T09:41:14+00:0016 de Setembro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Arranca unha nova edición do programa e_Destrezas para o desenvolvemento e a mellora de competencias dixitais da comunidade universitaria  que se vai desenvolver ao longo do primeiro cuadrimestre do curso 2024-2025. Nesta ocasión ofértanse un total de oito cursos destinados tanto ao alumnado, como ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo e organizados pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade coa colaboración do Consello Social

Os cursos, que se impartirán a través do Campus Remoto, teñen unha duración de 30 horas, repartidas en seis sesións de catro horas presenciais máis seis horas de traballo non presencial e a matrícula xa está aberta a través do Campus Activo.

A primeira formación será a que abordará os fundamentos de ofimática con Office, prestando espacial atención aos programas Word e PowerPoint. As clases comezarán o día 20 deste mes de setembro e terán lugar os venres ata o 25 de outubro de 16.00 a 20.00 horas. Xa o 30 deste mes comezará tamén o curso sobre a utilización responsable da intelixencia artificial xerativa sobre ChatGPT, que se impartirá os luns de 16.00 a 20.00 horas ata o 4 de novembro.

No mes de outubro impartiranse catro curso. Por unha banda Fundamentos de edición de vídeo e son dixital para a web desenvolverase os mércores do 23 de outubro ao 27 de novembro de 16.00h a 20.00 horas. Por outra, tamén se oferta o curso básico de modelado BIM (Building Information Modeling) con REVIT, que terá lugar os xoves no mesmo horario comezando o día 24 de outubro e rematando o 28 de novembro.

Entre os días 22 de outubro e 26 de novembro tamén se oferta unha formación de iniciación ao desenvolvemento de páxinas web con WordPress, cuxa docencia será os martes tamén de 16.00h a 20.00 horas. Outra opción é o curso que se vai centrar na aplicación práctica dos conceptos de xestión de proxectos mediante Microsoft Project, que se impartirá os sábados pola mañá, de 10.00 horas a 14.00 horas entre o 19 de outubro e o 30 de novembro.

Finalmente no mes de novembro botarán a andar os dous últimos cursos do primeiro cuadrimestre. O primeiro será o de fundamentos de análise e tratamento de datos con Excel, os venres entre o 8 de novembro e o 20 de decembro de 16.00h a 20.00 horas. Pechará o programa o curso de introdución práctica á impresión 3D, os luns de 16.00h a 20.00 horas entre o 11 de novembro e o 16 de decembro.