Colaboracións e patrocinios

Augaventura, un amplo programa de actividades acuaticas co que colabora o Consello Social

2024-09-19T13:12:49+00:0019 de Setembro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Augaventura, organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte propón para este primeiro cuadrimestre sete modalidades deportivas no mar ou no río abertas tanto a membros da comunidade universitaria e os seu familiares, como a integrantes da Comunidade Alumni_UVigo, PDI e PAS xubilado. As persoas interesadas poderán elixir entre mergullo, surf, flyboard, rafting, caiac, wakeboard e windsurf realizando a inscrición a través do Campus Activo.

Desde o 5 de outubro mergullo

A primeira das actividades en comezar será o mergullo, o 5 de outubro, en colaboración de Buceo Islas Cíes. As e os participantes sairán desde o peirao de Bouzas onde se lles dará o material preciso e unhas pequenas nocións teóricas, que logo poderán poñer en práctica. O prezo desta actividade oscila entre os 45 e os 90 euros segundo o colectivo e a relación que se teña coa universidade. A data límite de inscrición é o 29 de setembro.

Outra das actividades máis madrugadoras será o bautismo de surf, con dúas datas programadas, o 6 de outubro e o 27 do mesmo mes, para as que se pode realizar a inscrición ata o 29 de setembro e ata o 13 de outubro, respectivamente. A actividade desenvolverase en colaboración con Prado Surf Escola na praia de Patos, en Nigrán, e comprenderá unha sesión teórica previa e outra práctica que inclúe quentamento muscular, práctica de remada e explicación e práctica da técnica do stand up. Os prezos deste taller varía entre 6€ e 12€ segundo o colectivo.

As e os que prefiran a práctica do windsurf teñen unha cita o día 15 de outubro en Bouzas, da man da empresa Tierra y Mar. Os prezos desta actividade, cuxa matrícula está aberta ata o día 6 do mesmo mes, varían entre os 10 e os 20 euros. Tamén no peirao de Bouzas e con da man de Tierra y Mar o día 19 haberá unha oportunidade de practicar o flyboard. Neste caso os prezos varían entre os 20 e os 40 euros e a data límite de inscrición será o día 13. Ao día seguinte, 20 de outubro, a cita será no mesmo lugar co wakeboard cuns prezos entre os 10 e os 20 euros dependendo do colectivo ao que se pertenza.

Esa mesma semana, en concreto o día 18, haberá unha sesión de descenso de rápidos polo río Miño ao seu paso por Arbo, en colaboración coa empresa Arrepións. Cun prezo entre os 15 e os 30 euros, que inclúe o transporte dende os campus de Vigo e Pontevedra, o prazo de inscrición pecharase o 13 do mesmo mes.

A edición outono de Augaventura rematará coa xa clásica ruta á illa de San Simón que combina caiac, andaina e snorkel. A cita será o  sábado 26 de outubro en colaboración coa empresa Marexada, que se encargará de achegar o material preciso. Sairase da praia de Cesantes, dende onde partirá a travesía en caiac pola enseada de San Simón con paradas en puntos como a estatua de Xulio Verne. Unha vez na illa realizarase un percorrido guiado por este Ben de Interese Cultural. Posteriormente, se as condicións do mar o permiten, as e os asistentes gozarán do mergullo en superficie e coñecerán a auténtica lenda dos naufraxios de Rande. Os prezos para esta actividade van entre os 20 e os 40 euros e prazo de inscrición remata o día 13.