O mércores 12 de marzo deu comezo no campus de Ourense a primeira edición do Congreso de divulgación, transferencia e impacto social da ciencia (CoDi). A cita, organizada pola Universidade de Vigo e Ediciones Profesionales de la Información SL, reúne a máis dun centenar de participantes de sete países (España, México, Brasil, Portugal, Francia, Italia e Romanía) co obxectivo de fomentar o intercambio de coñecementos e promover a divulgación científica e a transferencia entre a comunidade académica e o público en xeral. O evento continúa o xoves 13 e finaliza o venres 14 deste mes.
Os programadores estiman que ao longo destes tres días se levarán adiante catro conferencias, 39 comunicacións e 14 pósters. O perfil dos participantes é o de especialistas relacionados de xeito diverso coa divulgación científica e a transferencia, principalmente en universidades públicas, bibliotecas, centros de investigación e fundacións.
O CoDi preséntase como un espazo para o intercambio de ideas, a análise crítica e a colaboración entre a comunidade científica, divulgadora e profesional de diversos ámbitos. A través deste evento, as entidades organizadoras buscan “avanzar cara a unha comprensión máis profunda de como a ciencia pode contribuír positivamente ao benestar social e como se poden tratar os desafíos éticos e sociais que xorden no camiño do progreso científico”.
Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social –entidade patrocinadora do evento–, amosou na inauguración o desexo de que “este congreso cumpra os seus obxectivos e contribúa así ao fortalecemento da divulgación científica desde a universidade á sociedade”.
Tamén, José Rúas, coordinador do congreso e profesor da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, destacou a importancia de “apostar pola transferencia e a investigación” tanto en xeral na sociedade como en concreto por parte da comunidade científica e investigadora. Neste senso subliñou a importancia de que este último colectivo dea saído do “ensimesmamento en que moitas veces estamos entre a produción científica e os papers” e achegue o seu traballo á cidadanía.
Tras esta inauguración oficial, a programación arrincou cun relatorio titulado Ciencia de primeira plana, ofrecido por Eduardo Rolland, xornalista, escritor e guionista audiovisual; dúas mesas redondas (unha sobre as unidades de cultura científica e as cátedras institucionais e outra sobre a transferencia e divulgación en Galicia) e rematou cunha mesa redonda sobre o papel das institucións na mellora da transferencia. O segundo día, a programación comezará cunha conferencia sobre intelixencia artificial en comunicación e a divulgación, a cargo de Óscar Huertas, responsable de Comunicación y Divulgación do Instituto DaSCI-UGR, e pecharase cunha representación artística divulgativa titulada La chispa mágica, con Manuel Vicente e César Goldi, que terá lugar no Auditorio Municipal, aberta ás persoas interesadas. O último día do CoDi iniciarase cunha intervención sobre indicadores de impacto social das revistas do SCImago Journal Rank, a cargo de Félix de Moya Anegón, de SCImago Lab, e rematará coa entrega de premios aos mellores pósters do congreso, a presentación do resumo, conclusións e a clausura oficial.