Máis de 50 empresas de diferentes sectores participaron o xoves 3 de abril na cuarta edición da feira EmpregoInCampus, un evento impulsado pola UVigo coa colaboración do Consello Social, para brindar ao seu estudantado a ocasión de coñecer de primeira man as oportunidades profesionais que ofrecen entidades de diversos sectores, públicos e privados, e de contactar directamente co seu persoal responsable de selección.
Á cita que hoxe en Vigo estaban inscritos 250 estudantes, aos que haberá que sumar os que se tivesen achegado directamente aos postos durante a xornada. Celébrase nos corredores das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Ciencias Xurídicas e do Traballo onde o alumnado achegouse a coñecer as demandas e necesidades de empresas como Abanca, Armadora Pereira, Adecco, Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Avícola de Galicia, Baltar Abogados, Banco de España, Bimba y Lola, BDO Auditores, Codisoil, Decathlon, Deloitte, Forvis Mazars, Fundación Impulsarse, Garrigues, Grupo Profand, Hotusa, Occident Mediación, Sabadell, EY (Ernst & Young) ou Redegal, entre outros, ata un total de máis de 50 firmas.
Nos postos das empresas e institucións, o alumnado puido entregar o seu currículo a través dun código QR que se xera no momento de facer a inscrición. Para facilitar a participación, tamén se instalou un espazo dedicado ao Pasaporte de Empregabilidade, no que as e os estudantes reciben asesoramento sobre o seu CV e poden facerse unha foto de calidade para o seu CV ou redes sociais profesionais. A directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, recalca que esta é “unha oportunidade única en todo o curso académico que non todas as universidades teñen o privilexio de poder organizar” e que neste caso conta coa colaboración do Consello Social, Eures e o Campus da Auga.
A seguintes citas co emprego de EmpregoInCampus
O día 9 de abril, EmpregoInCampus trasládase ao campus de Ourense, con postos informativos e actividades no Pavillón universitario de deportes de 10.00 a 18.00 horas. Nesta cita, na que aínda se poden inscribir, participarán 40 empresas como Abanca, Aceites Abril, Aertec Solutions, Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Alén Space, Arias Avogados, Atelier Social, Balidea, Bahía Software, Ceesg, Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar, Codisoil, Coren, Hotusa, Gradiant, LexAuria, Ministerio de Defensa ou Uría Menéndez Abogados, entre outras compañías e entidades.
No que respecta ao evento no campus de Pontevedra, a idea é repetir a modalidade do ano pasado, con mesas redondas sobre saídas profesionais en ámbitos específicos. A cita será a finais do mes de setembro, pero o mes de abril comezarán as accións de orientación profesional que se organizan no marco da feira nas escolas e facultades da cidade do Lérez.