En 2015 púxose en marcha a primeira edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, sen que os organizadores agardasen que a cita se convertese nun sinal de identidade do centro. Dez anos despois, a escola volveu a encherse cun rebulir robótico que congregou a 566 estudantes de institutos de toda Galicia, repartidos en 120 equipos. Ao longo de toda a mañá do venres 25 de abril participaron cos seus autómatas nun robot friday que comprendeu diferentes probas nas dúas modalidades: BeRobot (para ESO e Bacharelato) e DemoRobot (para FP e Universidade).
O obxectivo fundamental deste concurso, como explica o director da EEI, José Fariña, é achegar a Universidade ao alumnado do ensino secundario e Bacharelato, ademais de promocionar as titulacións da escola e fomentar o seu interese polas disciplinas STEAM, máis especificamente polos estudos de enxeñaría. “En particular, coa categoría superior, preténdese potenciar a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento habilitador ante os novos retos da industria do futuro”. Isto, engade, nun intre no que semella que o futuro “vai estar vencellado á dixitalización e ao papel das novas tecnoloxías, sendo a robótica unha das que terá maior influencia”.
Oitava edición da Competición de Robots
Os 120 equipos puxeron os robots en marcha sobre os tapices das probas, pero a competición comezou moito antes, co deseño e construción e programación dos propios autómatas a partir dun kit básico, o mBot 2, un autómata educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo.
Nesta oitava edición da Competición de Robots da EEI (a pandemia puxo en pausa a actividade durante tres anos) participaron 36 centros de ensino. Do total de participantes, o 65% son mozos e o 34% mozas.
Na modalidade BeRobot participan 110 equipos en tres categorías: 26 equipos con 120 participantes de 1º e 2º da ESO; 50 equipos con 234 participantes de 3º e 4º da ESO e 34 equipos con 177 participantes de 1º e 2º de Bacharelato. Na segunda modalidade, DemoRobot, para estudantes de FP e Universidade, inscribíronse 10 equipos con 35 participantes.
Ao longo da mañá os equipos enfrontáronse ás diferentes roldas de probas. No caso da categoría BeRobot, cada robot debía participar en dúas probas, o Sigue-liña ‘marchoso’, con obstáculos e un lombo e Velódromo ‘mareante’, que consistía en completar o maior número de voltas ao circuíto no menor tempo posible.
Na categoría DemoRobot, a competición comprendía catro probas, tres individuais e unha colectiva: Rastrexo (individual) que consiste en seguir un camiño marcado no chan; Labirinto (individual); Tripla ‘penalti’ con illa (individual) sacar todos os obstáculos do recinto entre os paus que lle correspondan e Sumo (colectiva), na que o robot debe intentar sacar o seu opoñente do campo de xogo e evitar que o saquen a el.
Entrega de premios a mediodía
Tras a mañá de competicións e fases eliminatorias, a mediodía entregáronse os premios 1º, 2º e 3º clasificado) en cada unha das diferentes categorías (1º+2º ESO, 3º+4º ESO, 1º+2º BACH e DemoRobot), ademais dos galardóns ao robot máis orixinal e o premio STEAM, que se outorga en colaboración con AER Automation (Asociación Española para la Robótica y la Automatización).
Na categoría BeRobot 1º+2º ESO, o equipo gañador foi Malvebot, do CPR Malvedo; en 3º+4º ESO gañou Furoca 1, do IES A Pastoriza e en 1º+2º BACH impúxose Furoca 1, do IES A Pastoriza. Na categoría DemoRobot o primeiro premio foi para RALIE25, do alumnado da EE Industrial. O premio á orixinalidade foi para IESEO_02, o IES Luis Seoane, mentres que o premio STEAM foi para o IES Mestre Landín. Ademais tamén se outorgou ao Brión 1 do IES Brión (1º BACH) o Premio ao fomento do talento feminino.