Colaboracións e patrocinios

O Consello Social colabora co primeiro Erasmus “Blended Intensive Programme” que coordina a UVigo

2025-06-25T10:25:55+00:0018 de Xuño de 2025|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O Consello Social está a colaborar no desenvolvemento do primeiro Erasmus BIP, Blended Intensive Programme, iniciativa de mobilidade de curta duración que combina de xeito innovador unha fase presencial no estranxeiro cunha parte virtual de aprendizaxe colaborativa en liña da Universidade de Vigo:  Multilingualism: An integrative approach, programa coordinado por Dolores González, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.

Como explica a docente, estas mobilidades “teñen unha duración total de entre 5 e 30 días e inclúen métodos como a aprendizaxe por retos ou baseados en problemas, nos que equipos transnacionais traballan xuntos para abordar retos, neste caso ligados ao multilingüismo”. Para garantir valor engadido, salienta, “deben involucrar polo menos tres institucións de educación superior de diferentes países do programa Erasmus+, contar cun mínimo de 10 e un máximo de 20 participantes e ofrecer recoñecemento académico mediante ECTS”. As universidades parceiras da UVigo neste caso son a Universiteit Leiden (Nederland) e a Universidade do Minho (Portugal). Este formato púxose en marcha co novo ciclo do programa Erasmus+ 2021-2027 e, aínda que a institución viguesa xa participou como socia en BIPs en anos anteriores, esta é a primeira destas mobilidades concedidas como entidade coordinadora, neste caso para afondar no coñecemento do bilingüismo e do multilingüismo desde unha perspectiva integradora, combinando a análise lingüística, cognitiva e social destes fenómenos.

Éxito de acollida da convocatoria

As sesións presenciais desenvolvéronse no edificio Redeiras

Os BIP constan de dúas partes, unha primeira en liña e unha segunda presencial. Esta parte presencial estivo a desenvolverse no edificio Redeiras. En total son 30 estudantes, 11 da Universidade de Minho, 13 da Universiteit Leiden e 6 da UVigo. A organización amósanse moi satisfeita co éxito da convocatoria, xa que “Erasmus+ financia un número mínimo de 10 e máximo de 20 estudantes e só das universidades socias tivemos 30 solicitudes, polo que non puidemos abrilo a outras institucións socias da UVigo da rede Athena ou do propio programa Erasmus”.

Trátase principalmente de estudantes de grao e mestrado con formación en linguas, psicoloxía, educación, tradución, lingüística e áreas afíns e a participación complétase cunha estudante de doutoramento, “o que contribúe á diversidade de perfís e niveis de experiencia investigadora”. Esta pluralidade académica, recalca Dolores González, “favorece a creación dun espazo de aprendizaxe colaborativa e transversal, no que as diferentes perspectivas enriquecen o debate sobre o bilingüismo e o multilingüismo”.