Actos do presidente

Megau2025: 2000 persoas homenaxean aos mellores expedientes de acceso á universidade

2025-06-30T10:15:15+00:0025 de Xuño de 2025|Actos do presidente, Novas|

Preto de 700 estudantes do total de 949 que na fase xeral da PAU acadaron unha nota igual ou superior a 8,5 recibiron o venres 20 de xuño a homenaxe do Sistema Universitario Galego, na Megau 2025, un acto organizado pola UVigo, a USC, a UdC e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Unhas 2000 persoas déronse cita no pavillón vigués de As Travesas nun evento que recoñeceu o traballo e talento do alumnado cos mellores expedientes de Galicia de acceso á universidade. No acto, conducido por Jéssica e Robinson, protagonistas da canle da UVigo en TikTok, foi presidido polos reitores das tres universidades galegas, o alcalde de Vigo, o conselleiro de Educación, o presidente do Consello Social da UVigo e outros cargos das institucións universitarias.

Para un mundo mellor, “o cerebro de Galicia”

Reigosa reivindicou o protagonismo do coñecemento como alicerce da sociedade, tamén reclamou o sentimento de orgullo por un Sistema Universitario Galego, “que produce resultados magníficos”. Neste sentido, reclamou o esforzo das e dos docentes que “logo dunha longa noite de pedra” fixeron posible a descentralización e creación de tres universidades e sete campus.

Pola súa banda, os reitores da USC e da UDC coincidiron en sinalar a excelencia das e dos premiados, froito para Antonio López, “do esforzo e a dedicación, tanto persoal como individual de cada estudante, como das súas familias e dos centros. Un motivo de honra, sen dúbida, que nos obriga ás universidades a estar á altura para ofrecer o mellor servizo posible, achegándolle o acceso a unha educación da máxima calidade”. O reitor da USC, que defendeu a calidade do ensino universitario público galego, rematou lembrando, no 75 aniversario do seu pasamento, a idea que Castelao tiña sobre a universidade, á que se refería como “o cerebro de Galicia”.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o papel da  universidade como “un lugar onde ademais de adquirir coñecementos, é un espazo de crecemento persoal, de pensamento crítico, de compromiso coa sociedade”. Neste sentido, subliñou o papel das tres universidades públicas galegas conformando un “sistema universitario sólido, diverso e comprometido co país, que colabora de maneira intensa e frutífera”. Para Cao, “Galicia necesita do voso talento, da vosa enerxía e da vosa visión para construír un futuro mellor”.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gabou o traballo e o esforzo do alumnado premiado, que asegurou é “o orgullo da sociedade galega”, ao tempo que o animou a enfrontar con esforzo unha nova etapa académica . O conselleiro tamén aproveitou a súa intervención para felicitar o traballo do profesorado e para asegurar que “hai moita luz e moito futuro para Galicia”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, animou ao alumnado premiado a presumir e sentir orgullo “do que sodes”, ao tempo que asegurou que a universidade “será a vosa casa e a vosa marca vital e profesional”. Abel Caballero rematou a súa intervención solicitando un recoñecemento para o profesorado e un grande aplauso para as familias do alumnado premiado.