Actos do presidente

O presidente do Consello na toma de posesión da nova reitora da USC

2026-04-21T12:01:54+00:0016 de Abril de 2026|Actos do presidente, Novas|

“Quero expresar con claridade que faremos do coñecemento a nosa vangarda, a nosa bandeira e o noso dereito”. Así definiu a catedrática Rosa M. Crujeiras Casais, o va que será a súa folla de ruta á fronte da Universidade de Santiago de Compostela nos vindeiros seis anos. Foi no acto de toma de posesión que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, converténdose na primeira muller que lidera a reitoría da institución nos seus máis de 500 anos de historia. “Traballarei, desde a responsabilidade que hoxe asumo como reitora, para que a Universidade de Santiago de Compostela sexa a institución pública e galega de máxima excelencia académica, decididamente feminista e inclusiva e que manteña o seu firme compromiso co país ao que pertence e ao que serve”, destacou no seu discurso.

Crujeiras dedicou boa parte do seu discurso a realizar unha defensa do sistema educativo público. “A miña formación vital e profesional foi posible grazas a un sistema educativo público que me acompañou desde a escola rural de Artes, a parroquia de Ribeira onde nacín, ata esta Universidade. Nese contexto, “o ensino público revelou o seu sentido máis profundo: o de garantir a igualdade de oportunidades e facer posible que as persoas poidan desenvolver todo o seu potencial con independencia da súa orixe e das circunstancias de partida”.

Numerosas autoridades e 500 asistentes

Pedrosa felicita á nova reitora tras da toma de posesión

Entre as autoridades presentes na cerimonia, que congregou a preto de cincocentas persoas, figuraban o delegado do Goberno en Galicia, a alcaldesa do concello de Santiago e o alcalde de Lugo, os ex reitores da Universidade de Santiago e das outras dúas universidades galegas, a presidenta do Consello Social da USC e presidente do Consello Social da UVigo, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o fiscal superior de Galicia, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do Pobo, o presidente do Consello Económico e Social e a presidenta da Deputación de Lugo, entre outras moitas. Ernesto Pedrosa felicitou á nova reitora tras da súa toma de posesión.