Os días 22, 23 e 24 de abril desenvolveuse na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo o V Congreso internacional Maricorners 2026. “Durante tres días inundamos a UVigo de rosa e unicornios coa firme vontade de expandir os ríxidos marcos da disciplinas e quizais tamén contaxiar un pouco o queer por estes corredores, porque nunca é tarde para abrazar a disidencia”, dixo Paula Serna, vicepresidenta da Asociación Maricorners, organizadora xunto a un grupo de docentes e persoal investigador da UVigo. O congreso contou co apoio do Consello Social.
Con preto de 270 persoas inscritas, 200 delas de xeito presencial, o Congreso Maricorners converteu Vigo na súa quinta edición en punto de referencia dos estudos interdisciplinares LGTBIA+ e queer con case 40 paneis, que incluiron máis de 130 comunicacións, plenarias, presentacións de pósteres e obradoiros. Un programa académico que se completou con outro social, que arrancou coa proxección de Algo novo que contar de Paula Pereira e Delincuente de Nuria Vidal e que continuou cun bingo musical Drag King, presentado por Aymar Note na Fábrica de Chocolate continuando xoves na Escola de Artes e Oficios cunha sesión de presentacións editoriais de obras como Lengua mutante de Ártemis López; La pluma en el tintero: estudios de plumología y expresión de género de Sara Engra e Nacho Esteban ou Medea e Fedra de Fernando Domènech.
Debate, divulgación e conexión
Co galego como lingua vehicular o congreso, permitiu “crear un espazo, tanto físico, como disciplinar para debater temas LGTBIA e queer; divulgar ciencia LGTBIA e queer a través de diversos medios; e difundir investigacións e proxectos para enriquecer o debate científico e social, fomentando conexións entre persoal investigador e combatendo o illamento académico”, sinalou María del Carmen Méndez Santos, docente e investigadora do Departamento de Lingua Española e organizadora do congreso.
As comunicacións presentadas destacan, segundo a investigadora predoutoral Carla Míguez, por abranguer múltiples ámbitos do coñecemento, aínda que se poden encadrar nunha serie de temáticas claras, “a activista e académica, dentro da que destacan as relacionadas coa socioloxía, a antropoloxía, a literatura e a lingüística ou a educación”. Mención especial a conferencia de Maria Pieri, titulada Bodies out of the margin: between queerness, disability and illness e da que protagonizou Carolina Meloni baixo o título Mitá y mitás: las queen del barrio y el pensamiento bitortillero marrón.
A maiores do alumnado interesado nos Estudos Queer, persoal docente e investigador e persoas expertas no ámbito de especialización LGTBIA+, Alberto Álvarez Lugrís e Susana Rodriguez Barcia consideran que o congreso espertou o interese de calquera persoa da comunidade universitaria e do público xeral, “mais cremos que sería moi positivo para estudantes de TFG, TFM e doutoramento, que poden inserir a perspectiva LGTBIA+ nos seus traballos e investigacións”.