Actos do presidente

O X Congreso Internacional da AE-IC reúne en Pontevedra a máis de 450 especialistas en comunicación

2026-05-21T13:00:10+00:0021 de Maio de 2026|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

O X Congreso Internacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), que se celebra esta semana na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, reúne a máis de 450 investigadores e investigadoras de 30 países. Baixo o título Comunicar na incerteza, o evento desenvolve ao longo de tres xornadas un programa que inclúe tres sesións plenarias e a presentación de máis de 350 estudos. Na tarde do mércores 20 de maio tivo lugar o acto inaugural na Casa Consistorial de Pontevedra, coa participación do reitor, o alcalde de Pontevedra e Carmen Peñafiel –presidenta da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC)–, entre outras autoridades.

O congreso, que supón “un fito histórico” para a Universidade de Vigo segundo a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, desenvólvese en 64 sesións paralelas nas que se presentan traballos seleccionados polo comité científico. As sesións plenarias abordan eixes temáticos como o impacto da desinformación e a polarización política, o papel da comunicación institucional na construción de confianza, e o papel dos algoritmos e as plataformas dixitais como mediadores do debate público na era da intelixencia artificial. O programa inclúe ademais un taller de empregabilidade para persoas investigadoras, promovido co apoio do Consello Social.

Homenaxeando a Rosa Franquet e Daniel Hallin

Peñafiel –presidenta da AEIC–, Lantarón –vicerreitora do campus– e Torres –decana da Facultade de Comunicación–.

O acto inaugural serviu tamén para que a AE-IC rendese homenaxe a dúas figuras de referencia no eido da investigación en comunicación. Por unha banda, a catedrática emérita da Universitat Autònoma de Barcelona e ex-presidenta da asociación Rosa Franquet, recoñecida como unha pioneira no estudo da comunicación audiovisual. Pola outra, o profesor emérito da Universidade de California San Diego Daniel C. Hallin, referente mundial en comunicación política e sistemas mediáticos. Ambos os dous recibiron o recoñecemento da comunidade científica presente no congreso.

O presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, intervirá na sesión de clausura do venres, poñendo fin así a unha xornada na que tamén se debaterá sobre o impacto da intelixencia artificial no espazo público. O Congreso conta co patrocinio do Consello Social, así como do Campus Crea, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra, o proxecto Fakelocal e a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), e coa colaboración como voluntariado de 40 estudantes da Facultade de Comunicación e do CIFP Carlos Oroza.

A organización destacou a alta participación e o nivel científico das comunicacións presentadas, que consolidan este congreso como o evento de referencia no ámbito da investigación en comunicación en España.