Actos do presidente

Carmen García Mateo, primeira reitora da UVigo, toma posesión cunha aposta pola excelencia e o diálogo

2026-07-02T10:34:42+00:0029 de Xuño de 2026|Actos do presidente, Novas|

O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo acolleu o xoves 25 de xuño a toma de posesión de Carmen García Mateo como nova reitora da Universidade de Vigo, converténdose na primeira muller en acceder ao máximo cargo da institución académica nos seus case 40 anos de historia. García Mateo, que encabeza o décimo equipo reitoral, asumiu o cargo cun discurso no que reivindicou unha universidade “excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade” e reclamou á Xunta de Galicia “financiamento e confianza” para captar talento, consolidar grupos de investigación e potenciar a interacción internacional. “Señor presidente, confíe en nós e faga unha aposta decidida polo sistema universitario galego. O retorno será superior ao investimento”, asegurou dirixíndose ao presidente Alfonso Rueda, presente no acto.

O acto contou cunha ampla representación institucional, académica e social. Xunto á nova reitora, tomaron posesión as súas vicerreitoras e vicerreitores, así como a secretaria xeral, Enma Rodríguez, e a xerenta, Ana María Comesaña Álvarez. O reitor saínte, Manuel Reigosa, expresou o seu “orgullo” pola universidade que deixa e destacou entre os seus logros a renovación xeracional e o fortalecemento da cultura do acordo. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, brindou a “leal colaboración” do Goberno galego e subliñou o carácter histórico do nomeamento de García Mateo, que se suma ao de Rosa Crujeiras na USC.

O Consello Social, presente e comprometido coa nova etapa

Pedrosa entre a nova reitora, a reitora da USC, Reigosa e o presidente da Xunta de Galicia

O presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, acompañou á nova reitora e ao novo equipo de goberno no acto institucional  nun momento clave para a institución. A presenza de Pedrosa na mesa presidencial simboliza o compromiso do órgano colexiado coa gobernanza da universidade e o seu papel como ponte entre a institución académica e a sociedade. O Consello Social, que vén de ser homenaxeado pola UVigo con motivo do seu 30 aniversario, manterá a súa liña de traballo colaborativo co novo equipo reitoral, tal e como fixo cos anteriores, para seguir impulsando a estratexia da universidade e o seu vínculo co tecido produtivo e social galego.

No seu discurso, García Mateo sinalou os principais retos da súa etapa: o financiamento, as novas demandas sociais, a gobernanza e a adaptación ás tecnoloxías emerxentes, aos que engadiu a necesidade de “non só adaptarnos ao cambio, senón de anticipalo e lideralo”. A nova reitora destacou as fortalezas da UVigo —a súa diversidade territorial, a calidade investigadora e a capacidade de responder ás necesidades de Galicia— e fixo fincapé nos compromisos da universidade coa equidade, a cohesión social, o emprendemento e os valores democráticos. “A nosa tarefa é xogar co imposible, superar os límites do coñecemento asentado”, afirmou.

O novo equipo reitoral está integrado por Xosé H. Vázquez (Estratexia e Economía), Esther Pillado (Oferta Académica), Manuel Martínez (Investigación), Rebeca P. Díaz (Profesorado), Rafael Comesaña (Transferencia), Loli González (Estudantes), Xabier Martínez Rolán (Docencia), David Álvarez (Infraestruturas), Montserrat Cruz (campus de Ourense) e Marián Fernández (campus de Pontevedra).