A cidade de Vigo acollerá do 2 ao 4 de setembro de 2026 a celebración do VIII International Marine Connectivity Conference (iMarCo 2026), un encontro científico internacional que reunirá no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) persoal investigador, representantes institucionais e especialistas en ecoloxía e xestión ambiental de diferentes países para abordar os grandes retos asociados á conectividade dos ecosistemas acuáticos nun contexto de cambio global. O congreso está coordinado por Andreu Blanco, investigador do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo. Na organización participan tamén Carlos García de Leaniz, investigador ATRAE do grupo FreeFlow do CIM; Alexandre Alonso Fernández, do grupo Inmare do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC); e Laura García Peteiro, do grupo EsMaBa do IIM-CSIC.
Conexións ecolóxicas entre ecosistemas mariños e fluviais
Baixo o lema Connectivity across water realms for ecosystem resilience, iMarCo 2026 centrará o seu programa científico no estudo das conexións ecolóxicas entre ecosistemas mariños e fluviais e na análise de como estas interaccións condicionan a biodiversidade, a dinámica das especies e a resiliencia dos ecosistemas acuáticos fronte ás presións ambientais e climáticas. Esta edición supón un fito para o congreso, xa que será a primeira vez que iMarCo se celebre fóra de Francia e tamén a primeira ocasión na que o evento ampliará o seu enfoque tradicionalmente mariño cara a unha visión integradora do denominado Aquatic Nexus, incorporando de maneira transversal tanto a conectividade mariña como a fluvial.
A conectividade acuática fai referencia aos intercambios de organismos, nutrientes, materia e enerxía entre distintas masas de auga, incluíndo ríos, esteiros, zonas costeiras, mares e océanos. Estas conexións ecolóxicas desempeñan un papel fundamental no funcionamento dos ecosistemas, na distribución das especies e na provisión de servizos ecosistémicos esenciais.
Entre os temas destacados desta edición incluirase unha sesión específica dedicada ás tecnoloxías de tracking e seguimento de organismos acuáticos, na que participará persoal investigador vinculado á European Tracking Network (ETN). Esta sesión permitirá poñer en valor os avances no estudo dos movementos individuais de organismos marcados e o potencial destas ferramentas para comprender patróns de migración, uso de hábitat e conectividade ecolóxica entre distintos ambientes acuáticos. O programa científico completarase con sesións centradas na ecoloxía do movemento, a modelización da conectividade, a gobernanza e xestión de ecosistemas conectados, así como unha sesión transversal dedicada aos efectos do cambio climático sobre a biodiversidade e a resiliencia dos ecosistemas acuáticos. Esta última abordará como o aumento da temperatura, os eventos extremos ou os cambios oceanográficos están a modificar os patróns de distribución das especies e as conexións ecolóxicas entre distintos ambientes acuáticos.
O programa incluirá conferencias plenarias, sesións científicas, paneis de debate e actividades colaborativas orientadas a fomentar o intercambio de coñecemento entre disciplinas e a cooperación científica internacional en torno aos desafíos asociados á conectividade dos ecosistemas acuáticos.